Distinguen a excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca
Laura Moure/Xeral
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 25 de maio a orde da Consellería do Medio Rural que convoca para este ano os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores galegos de leite cru de vaca, coñecidos como premios “Exceleite”.
Esta sétima edición dos galardóns ten como obxectivo recoñecer o proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia. Trátase de poñer en valor os gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen.
Os premios “Exceleite” distinguen as granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, cada unha delas subdivídese en tres grupos, (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.
Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia, isto é, desde agosto de 2022 a xullo de 2023.
Commentaires