Lalinnova contará con 16 prazas, distribuídas a partes iguais entre os módulos
de Sistemas Microinformáticos e Actividades Físicas, Deportivas e Recreativas
Laura Moure/Lalín
A Consellería de Emprego e Igualdade vén de conceder cadanseus obradoiros de emprego de garantía xuvenil, orientados a mozos de ata 30 anos de idade, aos Concellos de Lalín e A Estrada cun investimento global de 740.000 euros. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución esta mesma mañá nunha visita, xunto ao alcalde lalinense, Xosé Crespo, ao obradoiro de emprego dual Lalín Foresta III durante as súas tarefas de limpeza e desbroce do Paseo do Pontiñas.
Visita esta mañá a Lalín.
"O Concello de Lalín presentou un proxecto moi atinado e acaído, que recibiu unha das
mellores baremacións técnicas no proceso de selección e por iso vai poder desenvolver,
co apoio da Xunta, o seu primeiro obradoiro xuvenil, ao igual que A Estrada, e ambos
teñen unha gran importancia para a inserción laboral da mocidade nestas comarcas",
explicou o representante autonómico, que lembrou que Lalín tamén opta aos obradoiros de
emprego duais, cuxa convocatoria se atopa en fase de baremación.
Estes novos talleres para a mocidade de Lalín e A Estrada celebrarán a súa selección
posiblemente a finais deste mes de xullo entre mozas e mozos de 18 a 30 anos de idade
que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil co obxectivo de arrancar
coas súas actividades ao longo do mes de agosto.
O obradoiro Lalinnova contará con 16 prazas, distribuídas a partes iguais entre os módulos
de Sistemas Microinformáticos e Actividades Físicas, Deportivas e Recreativas, mentres
que A Estrada 2021 terá os mesmos participantes repartidos entre as ensinanzas de Forestal-Xardinaría e Carpintaría. O orzamento individual de cada programa aportado pola
Xunta ascende a 369.492 euros.
Ambos terán unha carga lectiva de 1.920 horas e desenvolveranse durante 12 meses
baixo o formato de programa mixto de emprego e formación, xa que os participantes
realizarán obras e servizos de interese xeral e social ao tempo que incrementan a súa
cualificación para favorecer a súa posterior inserción laboral. Ademais, os participantes
asinarán un contrato a xornada completa e terán a posibilidade de optar a un traballo en
empresas da contorna por un tempo mínimo de seis meses ao remate da súa formación.
"Aparte dos beneficios sociais, os talleres xuvenís, que se estrean nestas comarcas grazas
ao bo traballo de ambos concellos, formarán axeitadamente á súa mocidade en situación
de desemprego e van mellorar moito as súas condicións de empregabilidade, van dar
resposta ás necesidades do mercado e tamén van minimizar os efectos socioeconómicos
da crise sanitaria", sinalou o delegado territorial. A Consellería de Emprego e Igualdade adica, nesta nova convocatoria de obradoiros de garantía xuvenil, un orzamento de 7 millóns de euros para o desenvolvemento de 19 programas destas características en toda a comunidade que contarán coa participación de máis de 300 personas desempregadas entre os anos 2021 e 2022.
コメント