A conselleira de Medio Rural visita Lalín para lembrar as principais novidades do Pladiga 2026
- Laura Moure

- 25 mar
- 3 min de lectura
Fixo entrega onte de seis máquinas hidrostáticas polivalentes e tres vehículos motobomba que se distribuirán por varios distritos forestais da comunidade
Laura Moure/Lalín
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, fixo onte entrega en Lalín de nova maquinaria para o dispositivo galego de loita contra o lume. Concretamente, trátase de seis máquinas hidrostáticas polivalentes, que realizan tarefas de prevención e extinción; e tres vehículos motobomba. Gómez sinalou que a compra deste equipamento ascendeu aos 3,1 millóns de euros e estivo cofinanciada nun 60 % a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Destacou tamén que esta entrega se complementa con cursos de formación teórico-práctica para o persoal encargado do manexo da maquinaria.
A conselleira sinalou así que estas novas ferramentas contribuirán na execución de tarefas
preventivas e na redución dos danos que poidan ocasionar os incendios forestais, ao
tempo que se garante unha mellor seguridade do persoal do dispositivo.

No caso das máquinas hidrostáticas polivalentes, estes vehículos van permitir realizar
tanto traballos preventivos de roza, ao incorporar un brazo lateral con disco de corte, así
como un soprador de aire para limpeza en calzadas e gabias. Ademais, tamén se poderán
empregar en tarefas de extinción ao contar cun depósito de auga con capacidade de máis
de 3.400 litros, con bomba de impulsión de 1.100 l/minuto, lanza, tomas para mangueiras e
un sistema proporcionador de retardante.
En canto ás motobombas, estes vehículos empregaranse en labores de extinción grazas
aos seus 4.200 litros de capacidade útil de auga e o seu sistema de autoprotección
perimétrica con dous circuítos independentes. Ao mesmo tempo, inclúen catro cámaras
que permiten, desde a pantalla instalada na cabina, ter unha visión de 360º.
Publicidade
Novidades da actualización do Pladiga 2026
A maiores, asegurou que por parte do Goberno galego se seguirá a traballar nesta liña e
que este venres será presentada ante o Consello Forestal a nova actualización do Pladiga
2026. Neste sentido, lembrou as principais novidades deste documento e que foron
adiantadas onte polo titular do executivo autonómico no marco do Consello da Xunta. Así,
en relación cos medios materiais, aos 18 lotes de maquinaria pesada despregados, sumaranse 16 novos bulldózeres para labores preventivas. No eido dos medios áreos, incorporaranse ao dispositivo dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado. En total, serán 24 as aeronaves dependentes da Consellería.
PUBLICIDADE
Tal e como explicou María José Gómez, o Goberno galego seguirá a avanzar na mellora
das infraestruturas con actuacións nas bases aéreas xa existentes e na construción
doutras novas, como é o caso da de Lalín que “avanza a bo ritmo”, ou o aeródromo de
Valga. Incorporaranse tamén ao dispositivo 42 novas brigadas -de catro compoñentes- na
época de alto risco, e reforzarase a Unidade de Directores de Extinción (UDEX),
especializada no novo tipo de lumes que se están a rexistrar, pasando de 6 a 15
compoñentes.
Por último, no eido das tecnoloxías, deseñarase unha nova aplicación móbil para que a
cidadanía poida alertar dun xeito máis sinxelo sobre os incendios forestais. Tamén se ampliará o número de cámaras de videovixilancia ata chegar ás 241 en 111 puntos, un 30% máis que na actualidade, e incorporarase a intelixencia artificial ao sistema interno de
xestión, o que permitirá a detección automática e inmediata de fume e focos iniciais do
incendio. Do mesmo xeito, disporase de tres drons de última xeración que actuarán,
principalmente, en zonas de difícil acceso ou na que as cámaras non teñan cobertura.








Comentarios