Valorou a consolidación desta cita lalinense como certame de referencia e o programa de
actos no que se combina o carácter profesional, con concursos e poxas, e a orientación lúdica, con actividades máis festivas e atractivas para o público en xeral
Ecos da Comarca/Lalín
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou este sábado o “altísimo nivel” da cabana gandeira galega no ámbito nacional e internacional, e animou a valorar e recoñecer ese status na propia Galicia, “tanto como xa se vén facendo fóra das nosas fronteiras”. Gómez fixo estas declaracións no marco da 39º edición de Feiradeza, Open Internacional de Raza Frisona, que se celebra ao longo desta fin de semana en Lalín.

Nesta mesma liña, a conselleira puxo de relevo o “mimo e coidado” con que tratan os
gandeiros galegos as súas reses, que os converte en referentes e exemplo en Europa no
que atinxe ao benestar animal. Isto, incidiu, sumado ás melloras tecnolóxicas e xenéticas,
así como as especiais condicións do clima e do solo de Galicia, fan que a cabana galega
destaque tanto nos concursos nacionais como internacionais. En relación con estes
últimos, lembrou os premios acadados recentemente por unha gandaría da nosa
comunidade no prestixioso concurso de Cremona, en Italia.
Publicidade
Neste contexto, a titular de Medio Rural valorou tamén a consolidación de Feiradeza como
certame de referencia e o programa de actos, no que se combina o carácter profesional,
con concursos e poxas, e a orientación lúdica, con actividades máis festivas e atractivas
para o público en xeral. Ademais, a conselleira amosou a súa satisfacción polo papel
protagonista que ten a mocidade neste certame lalinense, proba -dixo- de que no sector
“hai futuro”.
A maiores, María José Gómez agradeceu ao alcalde de Lalín, José Crespo, e ao
concelleiro de mocidade, Avelino Souto, a invitación para visitar Feiradeza e trasladoulles
os seus parabéns por ter acadado xa 39 edicións deste evento.
Publicidade
Feiradeza continúa hoxe domingo. ECOS DA COMARCA estivemos onte por alí e nos vindeiros días sacaremos vídeo.
Comments