top of page

A comparsa “O carrusel Amarai” logra o primeiro premio de 550 euros no concurso de Arzúa

Houbo máis de 350 concursantes chegados desde distintos puntos de Galicia


Laura Moure/Arzúa

Por todo o alto celebrou Arzúa este domingo o seu Concurso de Disfraces organizado polo departamento de Cultura, que dirixe a concelleira Aurora Varela. O certame, asentado no Domingo Corredor, congregou no Recinto Feiral Terra do Queixo a ducias de concursantes e numeroso público.


"Houbo máis de 350 concursantes chegados desde distintos puntos de Galicia e o Multiusos Terra do Queixo estivo abarrotado de xente", subliña o Concello. A administración local repartiu máis de 2.000 euros entre os gañadores do concurso, distribuidos en 11 premios.


Os premiados

Na modalidade de comparsas resultaron gañadores “O carrusel Amarai”, que levaron o primeiro premio de 550 euros; “Os derradeiros moradores de Castro Curbín” da asociación ARIAR de Arzúa e “Atocha´s cheese” desde o colexio Nosa Señora do Rosario de Arzúa acadaron o segundo e o terceiro posto, dotados de 300 e 150 euros, respectivamente.

O carrusel Amarai obtivo o primeiro premio de comparsas.

No apartado de grupos de entre dous e oito compoñentes, “Historia de dúas Marías” de Teo alzouse co primeiro premio de 300 euros, “Mercamamis” de Curtis co segundo de 200 e “Funkos Peliqueiros” chegados dende Santiago co terceiro, dotado de 120 euros.


Os disfraces individuais tamén se premiaron con 120 e 80 euros no apartado infantil e adulto. No primeiro resultou gañador o disfraz “A princesa da estrela” vestido por Sabela, de nove anos, desde Santiago de Compostela e o segundo premio foi para “Fada do monte”, de Noa, tamén de nove anos e con familia en Arzúa. No que respecta aos disfraces adultos, os premiados foron “O león e o seu domador” de Sober e “Hulk Ragnarok” de Vilagarcía de Arousa que conseguiron o primeiro e segundo posto, respectivamente.

Un ano máis, o Concello incluíu no certame un premio especial denominado “Simpatía” que ía dirixido a un grupo ou comparsa local que non resultara premiado nas categorías anteriores. O grupo “Toy Story” fíxose con este galardón.


Dende o Departamento de Cultura amósanse moi satisfeitos polo alto nivel de participación e pola calidade dos disfraces e agradecidos pola implicación de todos os concursantes, así como a asistencia do público e o labor do xurado. A programación do Entroido organizada polo Departamento de Cultura continúará a vindeira fin de semana con animación musical, un obradiro familiar e o baile de disfraces na tarde do martes.


NOTICIA RELACIONADA:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page