Durante esa semana pasarán por Melide distintas formacións musicais, pensadas para todos os gustos, entre elas M Clan
Laura Moure/Melide
A Casa de Los Somoza, no Coto (Melide) foi o escenario esta mañá da presentación dun cartel moi agardado cada ano: as festas do San Roque de Melide. No acto participaron a Comisión de Festas do San Roque, o alcalde do municipio, José Manuel Pérez, e representantes de Escala Espectáculos 5.9 e Unga Unga Music.
Trátase dunha cita que volve con forza logo das restricións de pasados anos, e faino "apostando por un cartel potente que congregará a centos de persoas", tal e como indica o Concello. As festas arrincarán o martes 16 de agosto. Ese día actuará a escola melidá de baile e música tradicionais Herba Grileira xunto á Banda de Arca, a Coral Polifónica de Melide e a orquestra Olympus. Tamén terá lugar a actuación infantil A Casa do Terror.
O mércores 17 actuará a Banda de Antas de Ulla con Antonio Barros. Tamén soarán os ritmos alegres dos Festicultores Troupe Band e posteriormente La Misión. A actuación infantil correrá a cargo de Ikigai.
Xa o xoves 18 actuará A Maristela, a Banda de Merza, o mago Dani Polo, a orquestra Los Satélites e Los Players.
Ao día seguinte, venres 19, terá lugar a actuación infantil Carman. Posteriormente tocarán Leirabuxo, Cuarta Xusta e orquestra Marbella.
O sábado 20 actuarán Froito Novo, a Charanga Eravisto e a orquestra New York. Tamén ese día Melide vibrará cos ritmos rock and roll de M Clan.
O domingo 21 pechan as actuacións a Banda de Música de Visantoña e a afamada orquestra París de Noia.
Ao día seguinte, o luns 22, celébrase o Día do Neno.
"Desde o Concello de Melide queremos agradecer o gran traballo feito por todas as partes para sacar adiante toda a programación". Esta arrancará o 16 de agosto e prolongarase ata o luns 22, coa celebración do Día do Neno.
Actuación, hoxe venres 29
Por outra banda, o musical Camiñantes e Cantantes 2022, chega este venres, día 29, a Melide. Trátase dun musical con La Ocaband como protagonistas e a incorporación de artistas convidados, que neste caso serán os cómicos Pepo Suevos e Manuel Manquiña, o cantante de Ourense X.A Alvar e a cantante Laura Añón.
A través dos artistas galegos de tódolos tempos, irase camiñando polas distintas rutas do Camiño de Santiago guiados pola zona xeográfica do artista en cuestión ou pola canción popular que interpretarán. Desde temas de Fuxan os ventos ou A Roda, ata Juan Pardo e Julio Iglesias, pasando por Cómplices, Siniestro Total, entre outros.
Será un musical totalmente en galego que terá unha duración aproximada de 130 minutos e será gravado e emitido en directo pola televisión a través da canle A Nove, que emite en TDT en todo o eixo atlántico e tamén a través de streaming no enlace da propia a canle.
Será esta noite, ás 23:00 horas, no aparcadoiro da Avenida da Habana.
Comments