Laura Moure/Melide
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mércores na presentación da xira de O furancho, o espectáculo da compañía Ibuprofeno Teatro que este xullo visitará sete concellos galegos dentro da programación do FalaRedes, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta de Galicia.
No acto, no que estivo acompañado de Marián Bañobre e Santiago Cortegorso, fundadores da compañía teatral, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades saudou esta “proposta fresca e divertida recoñecida pola crítica que levará ocio e humor en galego a sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística”. Forma parte das máis de 2.500 actividades previstas este verán na programación impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración con distintos concellos e entidades baixo o lema A cultura galega é un CulturON.
Publicidade
Comedia para adolescentes e adultos
O furancho é unha comedia que ten como protagonistas a Isabel Risco e Marián Bañobre, na que a través da metáfora gastronómica se presentan cuestións que afectan á sociedade contemporánea tales como a pobreza cultural ou como nos definen as escollas que facemos. A peza, dirixida a un público adolescente e adulto, está escrita e dirixida polo propio Santiago Cortegoso.
O espectáculo, que se estreou o 27 de febreiro de 2015 no Auditorio Municipal de Cangas, recibiu o Premio María Casares ao Mellor Vestiario e o Premio FETEGA (Festival do Carballiño) ao Mellor Espectáculo e Mellor Actriz (Isabel Risco).
Publicidade
A xira comezou onte no Centro Ágora da Coruña. Despois, seguirá durante todo o mes de xullo polos seguintes concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística: Ortigueira (Teatro de Beneficiencia) o xoves 6, Rois (Auditorio Municipal) o venres 7, Verín (Auditorio Municipal) o sábado 8, Melide (Auditorio casa da Cultura) o domingo 9, Ribadumia (Auditorio Municipal) o sábado 22 e Valga (Auditorio Municipal) o venres 28.
As datas e as horas exactas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.
55 pases
Esta actividade enmárcase na programación de verán do FalaRedes 2023, que ten previstos para os próximos meses 55 pases de actividades tales como espectáculos, monicreques e mesmo unha exposición para distribuír entre distintos concellos e agrupacións membros da Rede de Dinamización Lingüística.
Os obxectivos deste programa, que xa vai pola súa duodécima edición, son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos á Rede, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolven o seu traballo nela.
Comentarios