Laura Moure/Deza
Os XXVI Encontros pola Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega reactivaron a proliferación de estudos por parroquias e concellos de toda Galicia.
Segundo se desprende do estudo realizado en máis de 150 concellos, as parroquias da comarca de Deza rexistran un importante incremento no uso da lingua galega nas inscricións funerarias.
A iniciativa partiu do xornalista David Canto Veiga, quen se encargou de recopilar e estudar a información recollida en toda Galicia, occidente de Asturias, o Bierzo e As Portelas (en Zamora). Unha das súas colaboradoras foi a profesora Mariluz Barreiro que se armou de papel, bolígrafo e teléfono e fixo unha minuciosa pesquisa no cemiterio da parroquia de Gres, en Vila de Cruces, na procura de epitafios en escritos en lingua galega.

A profesora Barreiro realizou a primeira visualización no ano 2020, inmediatamente despois da saída do confinamento. Observou que naquel momento Neira Vilas e Anisia Miranda non eran profetas na súa propia terra. A pesar de estar en Gres a Casa Museo do escritor e a pesar do renome da localidade grazas ás Memorias do neno labrego e o seu autor, a lingua galega escrita estaba excluída das mensaxes de recordo gravadas no cemiterio. O cambio produciuse en 1990, precisamente para lembrar un amigo de Neira Vilas e de Anisia Miranda: Bernardino Barreiro. Mais houbo que agardar un longo período de 15 anos para que o proceso de cambio se puxese en movemento. En 2020 o número de familias implicadas era xa do 5% e nestes catro últimos anos o incremento dobrouse: agora é usado por un 10% das 70 familias con panteóns e sepulturas no cemiterio.
"Recordo da túa muller, filla e netos" ou "Sempre estarás nos nosos corazóns" son algunhas das mensaxes coas que algunhas familias recordan os seus seres queridos.
Publicidade
Desde este 4 de novembro de 2024, toda esta información xa aparece na cartografía do uso do galego nos camposantos (https://datawrapper.dwcdn.net/4HeuT/40/), un mapa colaborativo en que se recolle a información que particulares e asociacións recollen nas súas respectivas parroquias. Calquera persoa interesada, pode enviar os datos para proxectoneo@gmail.com
Un estudo de características semellantes e con resultados algo máis baixos, mais substancialmente coincidentes na tendencia, foi realizado nestas mesmas datas nas parroquias de Vilariño e Esperante (Agolada) polo profesor Xaime Varela Sieiro, doutor en Filoloxía Clásica e docente no IES Xelmírez II de Santiago de Compostela.
Comments