top of page
Perruquería Marisa.gif

A Comarca de Arzúa perde o Rally da Auga

A proba, que puntúa para a Copa de España de Rallys de Terra, muda de localización e despois de celebrarse desde 2017 na comarca de Arzúa trasladarase nos tres próximos anos á de Ordes


Laura Moure/Comarca de Arzúa

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na presentación do Rally da Auga que acollerá a comarca de Ordes o próximo ano. A proba, que puntúa para a Copa de España de Rallys de Terra, muda de localización e despois de celebrarse desde 2017 na comarca de Arzúa trasladarase nos tres próximos anos á comarca de Ordes. Por iso, ata 2025 percorrerá os concellos de Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo.

A comarca de Ordes converterase no epicentro do motor mantendo a súa esencia con tramos duros e espectaculares. A Xunta colabora na organización deste evento e, nesta liña, Diego Calvo, puxo en valor o traballo dos organizadores, xunto coa implicación das institucións, dos patrocinadores e tamén das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias para garantir un espectáculo seguro. Ademais, a participación de pilotos e copilotos de referencia -asegurou- contribuirá a que este rally se converta nun polo de atracción turística durante as xornadas de competición.

O vicepresidente segundo da Xunta incidiu no compromiso do Goberno galego co deporte de motor a través de distintas liñas de axudas e no peso que ten Galicia no automobilismo español ao acoller varias probas do calendario nacional, tanto en terra como este Rally da Auga, como en asfalto.

O Goberno galego incide na capacidade da carreira para axudar a transmitir os valores do deporte do motor e, ao mesmo tempo, situar Galicia como destino preferente para o turismo deportivo acollendo eventos de primeiro nivel. Deste xeito, o rally da Auga contribuirá á promoción turística dos concellos que atravesa e unha importante fonte de ingresos ao atraer a turistas e afeccionados ao deporte.

Diego Calvo engadiu que o deporte funciona como polo de atracción turística e probas como este rally, que se vén celebrando de forma ininterrompida desde 2014, constatan que a unión entre o deporte e o turismo é unha combinación gañadora. Como asegurou hoxe na presentación do evento o vicepresidente segundo, o rally da Auga será un escaparate perfecto para dar a coñecer a comarca de Ordes. “Galicia ten as mellores paisaxes de fondo para competicións deportivas de todas as disciplinas como desfrutar do mellor automobilismo”, sinalou.

284 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page