A CIG obriga a repetir as eleccións sindicais no colexio Scientia School Lalín
O laudo arbitral obriga á empresa a retrotraer o proceso e incluír no censo as tres traballadoras ás que a empresa impediu participar
Ecos da Comarca/Lalín
A CIG obriga a repetir as Eleccións Sindicais no colexio Scientia School Lalín.
O comunicado íntegro da CIG:
Unha empresa xestionada por mentireiros sen escrúpulos.
A día de hoxe xa é sabido por toda sociedade na comarca do Deza, que Scientia School está dirixida por “un empresarios sen palabra” que faltan a verdade continuamente, e que non teñen nin o mais mínimo escrúpulo en facer o que sexa (mesmo de xeito ilegal) con tal de ver a CIG fóra da súa empresa.
Os motivos son fáciles de intuír. A CIG é o sindicato molesto para a empresa... porque somos as que reclamamos... as que nos mobilizamos na defensa das traballadoras e traballadores do centro... e mesmo as que finalmente nos vemos obrigadas a presentarmos demandas nos xulgados. Tal é a teima de Francisco Guerrero e de Estanislao Martínez contra CIG, que nos mentiron na elaboración do Censo Laboral para as Eleccións Sindicais (en diante EESS), proceso este onde as traballadoras e traballadores da empresa escollen ás súas representantes, e onde a empresa, no canto de manterse ao marxe como é de esperar de que asume os principios democráticos, manipulou o censo laboral coa única e obvia intención de tratar de que a CIG non obtivese representación no Comité de Empresa.

Esta é a conclusión á que hoxe podemos as traballadoras e traballadores do antigo CPR Sagrado Corazón do Deza, ao ver como a Dirección da Empresa “nos mentiu” as traballadoras e traballadores da empresa, aos asesores sindicais, e mesmo aos membros da Mesa Electoral que participamos nas eleccións sindicais o pasado 25 de marzo coa, non menos necesaria, complicidade do FSIE.
Pese a ser advertida a empresa (no momento da constitución da mesa) do erro detectado no censo electoral, Francisco Guerrero non permitiu a participación no procedemento das EESS de 3 compañeiras que a día 25 de febreiro figuraban no cadro de persoal da empresa; impediulle a mesa electoral consultar os TC2 da mesma; e finalmente vímonos na obriga de ter que presentarmos unha reclamación formal a Oficina Pública de Rexistro Depósito e Publicidade de Eleccións Sindicais (OPR), solicitando a impugnación do procedemento, retrotraéndose á publicación do Censo Electoral e, por tanto, á repetición do proceso electoral en arreglo a situación real da empresa: A empresa contaba o día 25 de febreiro con 55 traballadoras e por tanto, o procedemento de EESS que corresponde aplicar é o regulado para un Comité de Empresa de 5 compoñentes.
No día de onte, e logo da vista celebrada en Vigo o pasado día 19 de Abril, recibimos con alegría o LAUDO no que se recoñecen os feitos denunciados pola CIG e “ordena retrotraer o procedemento electoral ao momento da elaboración do censo laboral”. Ademais, o fallo é claro, e este, aclara que o proceso deberá facerse contabilizando o número total de traballadoras e traballadores que figuraban na empresa o día 25 de Febreiro (data do preaviso electoral) e na cal a empresa tiña nas súas contas de cotización a 55 persoas como puidemos certificar a través da mesma Tesourería Xeral da Seguridade Social.
Chove sobre mollado
Dende a CIG instamos mais unha vez a Estanislao Martínez e a o seu “delegado para Lalín” Francisco Guerrero Sánchez, á actuar con limpeza e honestidade, acatando as regras de xogo das relacións laborais, e con arreglo a lei. Non pode ser que as traballadoras e traballadores da empresa, teñamos que estar continuamente recorrendo aos xulgados para resolver as nosas discrepancias laborais. Van alá xa preto de dous anos nos que este colexio, logo dun concurso e acredores, foi mercada por Scientia School empresa do Grupo ATLAS HOLDINGS tras gañar a poxa na que se comprometía ao mantemento do 100% do cadro de persoal. Dende ese mesmo momento, e ate o día de hoxe, a CIG leva gañadas ducias de demandas por despedimentos improcedentes e/ou por modificacións das condicións de traballo das compañeiras. A tal momento, son varias as compañeiras ás que empresa xa tivo que readmitir (por sentenza xudicial) e volver á súa xornada anterior; mais aínda quedan compañeiras á espera de que a empresa execute na súa totalidade as sentenzas e reincorpore aos seus postos de traballo ou indemnicen por despedimentos improcedentes.
O futuro incerto, no que a presencia da CIG na empresa é fundamental para a clase traballadora. Mentres agardamos a rectificación por parte da empresa deste xeito de proceder cun continuo atropelo laboral, asistimos atónitos a un deterioro continuado do centro educativo, tanto en termos de calidade educativa como de respecto ao desenvolvemento democrático do mesmo. Cando o curso escolar está a piques de rematar, todo apunta a que a conflitividade laboral no centro vai ser a tónica dominante dos vindeiros meses, pois onte mesmo a empresa “comunicou ás traballadoras e traballadores o retraso nos pagos na parte privada da empresa” e é por iso polo que, para a clase traballadora, é fundamental termos por representantes das traballadoras e traballadores a delegadas e delegados “valentes” escollidos libremente polas compañeiras do centro, a través dun proceso democrático e con arreglo as regras de xogo das eleccións sindicais, e non traballadoras postas pola dirección da empresa e “submisas” ao seu “ordeo e mando”.