top of page

A CIG-Ensino cuestiona o despedimento de seis traballadores do colexio Scientia School de Lalín

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Levou a cabo esta semana unha concentración diante das instalacións do centro privado

A concentración esta semana ás portas do centro educativo lalinense.


A CIG-Ensino acusa a Scientia School, a empresa que se fixo co colexio Sagrado Corazón do Deza, de incumprir as condicións pactadas na poxa organizada pola administración concursal xa que vén de despedir a seis traballadores. A CIG-Ensino levou a cabo esta semana unha concentración diante das instalacións do centro privado en Lalín para denunciar o que está a acontecer e reclamar a súa readmisión.


Segundo explican dende a federación de Ensino da CIG de Pontevedra, o colexio Sagrado Corazón do Deza, con sede en Lalín, entrou en concurso de acredores o ano pasado. Paralelamente, presentou un ERE para 35 dos 58 traballadores, aínda que finalmente foron 17 as persoas afectadas. “O ERE fíxose á medida de Scientia School, que era a única empresa interesada na compra do colexio, pero despois apareceu outra compañía, que negociou co comité (integrado por CIG e FSIE) un ERE para só oito empregados”.

A representación sindical aceptou esta proposta porque supoñía menos despedimentos, ademais de respectar a antigüidade do persoal e abrir a posibilidade de que as persoas que así o desexasen puidesen acollerse ao ERE de xeito voluntario, recibindo unha indemnización de 33 días por ano traballado. En consecuencia, o 27 de outubro lévase a cabo a poxa do colexio, na que Scientia School asegura que iguala a oferta económica da outra empresa e ademais subroga a todo o persoal. "Pero xa durante a tramitación do ERE procedera a renovar contratos co obxectivo de desfacerse do persoal con máis antigüidade e que fose o Fogasa quen pagase os despedimentos", recalca.

Sinaturas O 15 de decembro oficialízase a compra por parte de Scientia, e poucos días despois a empresa comunica a súa intención de levar a cabo despedimentos, tal e como explica CIG-Ensino. En febreiro deste ano inicia un ERE, que a CIG non recoñece porque a dirección non presenta a información económica da compañía actual senón que facilita a do Sagrado Corazón. "Finalmente, o ERE non se fai efectivo porque Scientia incumpre os prazos", sinala.

“Pero entón anuncian o despedimento procedente de seis traballadores por supostas causas organizativas e técnicas, polo que volvemos reclamarlle a documentación económica, e responden que non nola dan porque non estamos no ERE, aínda que temos dereito ela ao formar parte da representación legal dos traballadores”. Diante disto, a CIG presenta unha denuncia diante da Inspección de Traballo e inicia unha campaña de mobilizacións para reclamar a readmisión dos despedidos, sendo a desta semana a primeira das protestas previstas. Ao mesmo tempo, a central sindical solicitou xuntanzas cos grupos políticos de Lalín para demandarlles o seu “apoio e solidariedade” e comezou unha recollida de sinaturas entre a veciñanza.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page