"Agardamos que esta mesma rectificación a leven a cabo coa dotación de medios para o IES Pintor Colmeiro de Silleda", sinala o sindicato
Ecos da Comarca/Dozón
A CIG-Ensino congratúlase da rectificación da Consellaría de Educación manifestada no día de onte aos medios, en relación o agrupamento de todas as unidades de Educación Primaria e a supresión de dúas docentes no CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón.

O sindicato maioritario do Ensino, alégrase de decisión política levada a cabo no día de onte, xa que considera que o agrupamento proposto era totalmente inxustificado logo de que o centro tan só vise reducida a súa matrícula nunha crianza (de 27 a 26 alumnos), e tras adxudicar este mesmo ano destino definitivo a dous docentes para o centro de Dozón.
A CIG-Ensino comprácese de que a Consellaría rectificase, "tal como lle esixíamos publicamente na nota de prensa enviada o mércores a mediodía aos medios, o que non só supón manter a situación actual do centro, se non tamén a dotación de profesorado, e con ela, a calidade educativa coa que o centro de ensino viña traballando nestes últimos anos".
Publicidade
"Como manifestábamos o pasado mércores, estas medidas de recortes son nefastas en todos os lugares, mais vense magnificados naqueles concellos ou comarcas nas que, polo seu contexto social e/ou demográfico, a veciñanza xa ten maiores dificultades para acceder a uns servizos “públicos e de calidade”, polo que o mantemento das dúas unidades de primaria e a non supresión do profesorado afectado, é para o sindicato motivo de satisfacción. Agardamos que esta mesma rectificación a leven a cabo coa dotación de medios para o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o cal segue sen ter a dotación económica solicitada para o mantemento do Ciclo Medio de Formación Profesional de Guía no medio natural e de tempo libre obtendo por resposta a calada, neste caso da Directora Xeral de FP Eugenia Pérez e do propio Conselleiro Román Rodríguez", recalca o sindicato.
NOTICIAS RELACIONADAS:
A CIG-Ensino rexeita o agrupamento de todas as unidades de Primaria “nunha única aula” e a supresión de 2 docentes no colexio de Dozón: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-cig-ensino-rexeita-o-agrupamento-de-todas-as-unidades-de-primaria-nunha-%C3%BAnica-aula-e-a-supresi%C3%B3n
O BNG de Dozón rexeita a redución dunha unidade de Educación Primaria, e a supresión de dúas docentes: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-doz%C3%B3n-rexeita-a-reduci%C3%B3n-dunha-unidade-de-educaci%C3%B3n-primaria-e-a-supresi%C3%B3n-de-d%C3%BAas-docente
Comments