top of page

A chef Lucía Freitas será a pregoeira da 50ª Festa do Queixo de Arzúa

Actuarán Xoel López, The Rapants, Cariño, Mondra, Capital Voskov, Xisco Feijoo, Os Melidaos e o Son de Arzúa


Laura Moure/Arzúa

A programación da Festa do Queixo 2025 de Arzúa xa é oficial. Nesta edición tan especial, na que se celebra o seu 50º aniversario, a veciñanza de Arzúa terá un papel protagonista, tal e como recalcou onte na presentación o equipo de goberno. Sobre todo, vai ser unha homenaxe ás mulleres queixeiras. A programación, tamén é moi ampla con iniciativas pensadas para toda a familia, terá lugar dende o 14 ao 16 de marzo.


O domingo estará dedicado a O Son de Arzúa, un espectáculo único que reúne tres agrupacións emblemáticas do municipio: O Bringuelo, a Banda de Música de Arzúa e a Rondalla Moraima, creando unha viaxe sonora que homenaxea a identidade cultural e musical da comarca. Ademais, este ano a identidade gráfica da Festa do Queixo foi encargada ao deseñador Dani Camino, e a comunicación do evento está a cargo de

Olalla Dopico, reforzando así o papel da creatividade local na celebración.

foto

A pregoeira do 50º aniversario será a chef Lucía Freitas. A chef conta con Estrela Michelin, 2 Soles Repsol e premio Sol Sostible 2024, tamén é unha das grandes embaixadoras da gastronomía galega. Á fronte dos seus restaurantes A Tafona e Lume, combina vangarda e

tradición cunha aposta firme polos produtos locais e o talento feminino no sector. Ademais

de ser unha cociñeira de referencia, é investigadora, activista e impulsora de Amas da

Terra, un proxecto que visibiliza o papel das mulleres na gastronomía. Como broche de

ouro, ofrecerá un showcooking gratuíto ata completar aforo, unhas 50 persoas.


Nesta edición, a Festa do Queixo acadou un récord histórico de participación de queixerías, con máis de 80 inscricións, o que supón un incremento notable respecto a anos anteriores. Debido a esta elevada demanda, por primeira vez na historia do evento houbo solicitudesque quedaron fóra. Para dar cabida a esta gran acollida, ampliouse o espazo expositivo norecinto feiral, habilitando por primeira vez o primeiro andar do multiusos para produtos non queixeiros, consolidando así a importancia e proxección desta feira gastronómica.


Outra das novidades deste ano é a creación dun espazo de artesanía nas rúas cercanas ao recinto, que dará visibilidade ao traballo de creadoras e creadores, así como a participación de diversas asociacións da zona, que terán espazo para expoñer os seus produtos e iniciativas.


Pensando nas familias e nos máis pequenos e pequenas, creouse un espazo conciliador para que nais, pais e coidadores poidan desfrutar da festa con comodidade. Ademais,

haberá actividades específicas para a infancia, garantindo que os cativos tamén gocen

dunha programación adaptada para eles.


A animación de rúa será outro dos pratos fortes desta edición, cunha proposta deseñada para que tanto maiores como pequenos poidan participar e vivir a festa dun xeito especial.

Do mesmo xeito, os concertos do domingo serán unha oportunidade para que todo o público poida desfrutar da música nun ambiente festivo e inclusivo.


O tecido empresarial de Arzúa tamén xoga un papel fundamental nesta edición,

colaborando activamente para dar maior proxección ao evento e contribuíndo á súa

expansión e impacto. A implicación do comercio e das empresas locais reforza o carácter

comunitario da Festa do Queixo, asegurando que a celebración siga a medrar e

consolidarse como un referente cultural e gastronómico.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Unha das grandes apostas deste 50º aniversario é que todos os concertos serán de balde e en recinto aberto, permitindo que a música chegue a todas as persoas sen barreiras. A maior parte do cartel está composto por artistas galegos e/ou que interpretan en galego,

reforzando o compromiso co talento e a música do país. Os concertos comezarán ás 20:30 horas, facilitando que as familias e as persoas maiores tamén poidan achegarse á zona de concertos e vivir a festa de preto. Tamén, no recinto dos concertos, haberá un punto violeta onde se poderá pedir información e axuda ante calquera agresión sexista.


Por último, co motivo desta edición e deste aniversario tan especial, presentouse un spot

no que se eloxia aos veciños e veciñas de Arzúa, pero sobre todo ás queixeiras e queixeiros e a todo sector agrogandeiro que fan posible que o queixo de Arzúa teña fama fóra das nosas fronteira.


O alcalde, Xesús Carril, a concelleira de Igualdade, Lucía López, e o concelleiro de

Xuventude, Dani Moscoso, en compañía da edil Begoña Balado, fixeron fincapé nas súas intervencións de que “esta edición foi pensada para que os veciños e veciñas de Arzúa poidan desfrutar da súa festa, pero tamén para que os e as visitantes formen parte dela”.


Con todas estas novidades, a Festa do Queixo 2025 preséntase como unha celebración pensada para todos, reforzando a súa esencia cultural e musical, e apostando polo talento

galego, a artesanía e a inclusión de toda a comunidade na súa programación. Nos próximos días anunciaranse máis detalles desta edición histórica.


Artistas

Nesta cita tan importante de Arzúa actuarán Xoel López, The Rapants, Cariño, Mondra, Capital Voskov, Xisco Feijoo, Os Melidaos e o Son de Arzúa.


Nos vindeiros días publicaremos vídeo da presentación de onte e do convite de varios dos artistas que acturán nesta cita. Estade atent@s!

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page