Os interesados deberán presentar un proxecto sobre o que se valorará a creación de emprego, o carácter innovador e a situación laboral das persoas promotoras
Laura Moure/Dozón
As bases do procedemento de adxudicación e funcionamento do Viveiro de Empresas de Dozón, que foron publicadas o pasado xoves no Boletín Oficial de Pontevedra (BOP), establecen que a cesión das dúas naves acondicionadas polo Concello realizarase por un período de 12 meses prorrogables por un segundo ano.
As persoas ou empresas interesadas nestes espazos ubicados no Polígono Industrial de Dozón poden ser promotoras dun novo negocio aínda sen constituír ou ben ter iniciado a súa actividade dentro dos seis meses anteriores á presentación da solicitude -que deben formalizar no Rexistro Xeral do Concello dentro do prazo dun mes contado desde onte, venres 7 de maio.
Ademais da documentación administrativa requerida, os solicitantes deben aportar un proxecto empresarial sobre o que se valorarán aspectos como a creación de emprego, o carácter innovador, a situación laboral das persoas promotoras -en situación de desemprego ou non-, a súa idade e o seu xénero -priorizando ás persoas menores de 30 anos e ás mulleres-, o feito de acreditar algún tipo de minusvalía e a antigüidade da actividade empresarial.
En canto ás instalacións, as dúas naves que cederá o Concello de Dozón dispoñen dunha superficie de 229,03 e 230,01 metros cadrados, respectivamente, repartida entre zona industrial, oficina e aseos. O prezo do aluguer de cada nave será de 0,40 €/m2 ao mes, o que representa unha cantidade inferior aos 95 euros.
O alcalde de Dozón, Adolfo Campos Vázquez, salienta que o obxectivo do Viveiro de Empresas é “proporcionarlle aos emprendedores unhas condicións favorables en canto a prezo e servizos, de forma que poidan poñer en marcha ou desenvolver o seu proxecto empresarial gozando dunhas vantaxes competitivas respecto ás condicións medias do mercado”. Co mesmo obxectivo, o Concello ofrecerá a través do Servizo de Emprego asesoramento aos usuarios do Viveiro de Empresas e tutelará os proxectos acollidos, orientándoos en material fiscal e laboral.
O Viveiro de Empresas de Dozón.
Comments