As citas comezan o sábado 16 cunha festa na praza do Concello con diferentes obradoiros e xogos
Laura Moure/O Pino
Tralo acendido das luces de Nadal o pasado martes 5 de decembro, o Concello do Pino comezará a desenvolver esta vindeira fin de semana unha programación especial con actividades e espectáculos para toda a veciñanza e coa cativada como gran protagonista.
As citas comezarán o sábado 16 de decembro, a partir das 16:30 horas, coa quinta edición da Festa do Nadal. Unha carpa instalada na praza do Concello e que contará cun
disparador de confeti será o escenario da celebración dunha gran troula chea de música,
divertidos xogos en familia e diferentes obradoiros con temáticas vencelladas a estas
festas. Ademais, o alumnado de 4º da ESO do Pino aproveitará a celebración para instalar
un posto con lambetadas, doces e chocolate quente para recadar fondos para a excursión
de fin de curso.
E, como peche desta divertida tarde, a cativada poderá desfrutar do espectáculo O
Apalpador conta con vós para coñecer máis de preto a esta personaxe mítica da tradición
galega. Grazas a esta peza de narración oral a cargo de Caxoto Contacontos, as persoas
asistentes poderán coñecer cal é a orixe do Apalpador, a que se dedica no seu día a día e
os que consellos hai que seguir para que cando nos visite nos deixe unha presada de
castañas e algún dos agasallos que el mesmo constrúe.
Publicidade
Ao día seguinte, domingo 17 de decembro, a diversión trasládase á Casa de Cultura. Alí, e
e partir das 18:00 horas, Malasombra Producións representará Os fabulosos cleaners, un
espectáculo moi visual con pompas de xabón no que poderá participar toda a familia. O público gozará con estas máxicas pompas transparentes con fume, con vapor, de todos
os tamaños e estáticas ou voando polo escenario, que o transportará por un mundo máxico, cheo de cor e de moito humor.
Visita de Papá Noel
Haberá que agardar ata o mércores 20 para que a cativada desfrute dun dos días máis máxicos coa visita do Papá Noel aos centros educativos do Pino para recoller as cartas dos nenos e nenas da escola infantil A Galiña Azul, da escola unitaria de Gonzar, e do
alumnado de Educación Infantil e dos primeiros cursos de Primaria do CPI Camiño de
Santiago.
Publicidade
Concerto e exposición
A programación de Nadal inclúe tamén o sábado 30 de decembro o tradicional Concerto de Nadal a cargo da Banda Municipal de Arca. A cita está fixada para as 19:00 horas.
Así mesmo, e durante toda a segunda quincena de decembro, a Casa da Cultura acollerá a exposición Bailarinas, unha selección de acuarelas de Cristina Corral Vázquez. A mostra
estará aberta entre as 10:30 a as 17:30 horas de luns a venres.
Nadal benéfico
Como cada ano por estas datas, o Concello do Pino organiza unha recollida de alimentos e
produtos de hixiene e limpeza para repartir entre as persoas que máis o necesiten no
municipio. As doazóns poden depositarse ata o 31 de xaneiro no centro sociocultural Luis
Seoane e os supermercados Dia, Eroski e Onda.
Publicidade
Todas a persoas que queiran colaborar poderán facelo con alimentos non perecedoiros
como latas de atún, sardiñas, mexillóns, millo, cogomelos, melocotóns...; botes de
alcachofas, espárragos, xudías, chícharos, fabas, garavanzos, lentellas, pementos, grelos,
acelgas...; tarros de paté, marmeladas, mel...; papas para bebés; azucre, café, cereais,
galletas, cacao, leite en pó, leite condensado...; sobres de froitos secos ou deshidratados;
sal, vinagre, aceite, especias; fariña, pasta, arroz, legumes, cuscús; sopa en sobres,
purés...; envases de leite e zumes.
Tamén poden aportar produtos de limpeza e hixiene persoal, tales como lixivia, xabón
para a louza, deterxente, limpador do chan...; pasta dentrífica, cepillos de dentes, xel de
baño, champú, pastillas de xabón, desodorantes, locións, coitelas de afeitar...; papel
hixiénico, papel de cociña, panos de papel, compresas, tampóns, cueiros...
Comments