top of page

A casa do maior de Agolada xa está a pleno rendemento e ten cubertas as cinco prazas fixadas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra compañado por representantes municipais visitou este mediodía a nova instalación xestionada por Laura Fisteus Prieto


Laura Moure/Agolada

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, acaba de abrir recentemente a terceira Casa do Maior da bisbarra do Deza, en concreto no concello de Agolada, cunhas achegas de case 75.000 euros para o investimento inicial e os gastos dos seus tres primeiros anos de funcionamento. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde agoladense, Luis Calvo, e outros representantes municipais, realizou este mediodía unha visita a esta nova instalación, denominada O Pendello e que está xestionada por Laura Fisteus Prieto. Esta Casa do Maior, emprazada no número 20 da avenida Joaquín Loriga, xa está a pleno rendemento e ten cubertas as cinco prazas fixadas como capacidade máxima para estes centros.

“As comarcas de Deza e Tabeirós-Montes son as más envellecidas da provincia de Pontevedra e por iso dende a Xunta temos unha sensibilidade especial con estes servizos, polo que, ás residencias públicas ou con prazas concertadas e aos centros de día existentes, queremos engadir aínda máis opcións de atención e coidado para os nosos maiores, evitándolles desprazamentos, polo que apostamos por estes pequenos recintos de proximidade que tan bo resultado están a ter en toda Galicia”, detallou o representante autonómico.


Deste xeito, a bisbarra do Deza xa conta con tres das 13 Casas do Maior da provincia de Pontevedra, xa que con anterioridade xa abriron as súas portas O Fiadeiro en Dozón e A Oliveira en Vila de Cruces. Esta iniciativa xurdíu hai cinco anos e dispón na actualidade de 104 centros con 520 prazas en toda a comunidade galega.


Todas as Casas do Maior teñen o mesmo formato e prestacións e configúranse como un servizo de atención diurna gratuíta para persoas de máis de 60 anos sen dependencia ou con ela nos graos 1 ou 2, cun máximo de cinco prazas por instalación e que só poden emprazarse en contornas que non teñan este recurso de atención baixo o formato de residencias ou centros de día.

Horario

Estes centros abren durante oito horas diarias de luns a venres, agás nas xornadas festivas e un mes ao ano por vacacións, e ofrecen un horario flexible aos usuarios, que practican actividades de envellecemento activo, adestramento cognitivo, hixiene persoal e actividades personalizadas. A solicitude de praza debe cursarse no Departamento de Servizos Sociais de cada concello e a atención é totalmente gratuíta, ofertando a posibilidade de mantemento alimentario, o cal supón un custo de 5 euros diarios, e tamén o transporte en caso de que forme parte da oferta de cada instalación.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page