top of page

A Casa do Concello de Melide acolle a mostra fotográfica ‘100 Lugares Máxicos do Camiño’

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A mostra, conformada por 22 imaxes paisaxísticas dos diferentes itinerarios oficiais do Camiño, poderá visitarse no edificio municipal ata o 20 de outubro


Laura Moure/Melide

Xa é posible visitar, na entrada da Casa do Concello de Melide a exposición fotográfica 100 Lugares Máxicos do Camiño. A mostra recolle algunha das instantáneas incluídas no libro fotográfico homónimo do fotógrafo Adolfo Enríquez. O autor é un referente para a promoción turística de Galicia e o Camiño de Santiago, con múltiples recoñecementos nacionais e internacionais, entre os que destacan os seus 9 Premios de Fotografía Profesional Lux.

O proxecto 100 Lugares Máxicos do Camiño está apoiado polo programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e sérvese de fotografías de alta calidade para trasladar a riqueza paisaxística, natural, patrimonial e cultural do Camiño de Santiago. O concepto detrás da iniciativa é multiplicar o potencial turístico dos destinos incluídos nos itinerarios xacobeos, dotándoos dun compoñente case “máxico” a través da visión única do fotógrafo. Así, para as postais do proxecto Adolfo Enríquez busca a diferenciación a través de elementos como a perspectiva, o encadre ou a luz.


Tanto a publicación como a exposición están organizadas ao redor dos 10 roteiros oficiais do Camiño de Santiago, incluíndo fotografías a todo cor dos principais núcleos de interese polos que discorre cada unha delas. A mostra fotográfica, que ao longo do mes de outubro visitará os concellos de Ordes, Ames, Melide, Padrón e Catoira, promove a promoción cruzada dos roteiros. Así, nas exposicións instaladas en cada municipio inclúense imaxes do trazado correspondente, pero tamén do resto de Camiños.

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

A edición física do libro será presentada o vindeiro luns 17 no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A cita será ás 20:00 horas e contará coa presenza do fotógrafo e da comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira. O evento será de participación aberta, ata completar aforo. A fin de lograr unha maior difusión do proxecto e contribuír a través do mesmo á promoción do Camiño de Santiago e o seu extenso patrimonio paisaxístico, cultural e arquitectónico, o libro é accesible no seu formato dixital a través da web


Ademais, a totalidade das imaxes incluídas no mesmo están postas ao dispor de usuarios particulares, institucións e empresas para o seu uso libre de dereitos a través do perfil de Flickr do fotógrafo. Con esta iniciativa preténdese xerar un repositorio de imaxes de gran calidade, que poida utilizarse de forma gratuíta para contribuír ao posicionamento do Camiño e a marca Galicia.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page