As inscricións e a recollida de dorsais serán a partir das 10:30 na praza situada xunto ao Concello
Laura Moure/Silleda
A carreira popular de San Silvestre volta ás rúas de Silleda este domingo día 31 para despedir o ano, como xa vén sendo tradición. O certame, organizado dende o Concello de Silleda en colaboración coa Deputación de Pontevedra, comezará ás 11:00 horas e cambia a súa ubicación tradicional.
O epicentro (saída e meta) estarán na praza Siñor Afranio, fronte á casa consistorial, lugar no que ao remate da carreira se celebrará unha Festa Pre Fin de Ano, na que non faltarán as tradicionais badaladas nin a música. A carreira está aberta a todos os públicos e as persoas que desexen participar poden anotarse mañá na mesma praza dende as 10.30 horas, sen necesidade de anotarse previamente.
A carreira de San Silvestriño comezará ás 11:30 horas, ca categoría “Chupete” (de 0 a 6 anos) e continuará ca Carreira de Benxamíns (de 7 a 9 anos). As dúas categorías disputaránse nos arredores da praza, (pola rúa Cartaxena no caso dos chupetes, e Cartaxena e Castrelo na de Benxamín). A infantil (de 10 a 15 anos) consistirá nunha volta ao percorrido da carreira senior (1 quilómetro), percorrido que tamén varía nesta edición.
Publicidade
A carreira Senior arrancará ás 12:00 horas pasando pola rúa Cartaxena, Venezuela, Ronda de Outeiro, Arturo Pérez Lázara, Avenida Recinto Feiral e voltando por Progreso de novo á praza. Nas próximas horas tamén se subirán ás Redes Sociais do Concello imaxes do novo percorrido.
Como sempre, haberá medallas para todos os nenos e nenas participantes e premios para os tres primeiros clasificados en Infantil e Senior (neste último nas categorías masculina e femenina). Tamén se outorgará un premio único á mellor caracterización navideña.
Animación e badaladas ás 13:00 horas
Ao remate da carreira e unha vez entregados os premios comezará a Festa Pre Fin de Ano, presentada polo humorista Pablo García “Chichas”, e na que todas aquelas persoas que o desexen poden achegarse con 12 uvas para tomar as uvas á praza, onde sonarán as 12 badaladas ás 13:00 horas. Tamén está prevista a actuación do cantante silledense Mixel, ademais de varias sorpresas.
Publicidade
A animación e a música continuarán cunha sesión de Señora DJ ata as15:00 horas na propia praza.
Dende o Concello de Silleda anímase á veciñanza a achegarse a celebrar de xeito anticipado a entrada do novo ano 2024.
Corte de rúas
Para a celebración da carreira e distintos eventos do programa de Nadal, haberá varios cortes de rúas nos vindeiros días.
No tocante á San Silvestre, pecharase o tramo da Progreso entre Condes do Deza e a praza Siñor Afranio o domingo a partir das 9:30 horas (estando prohibido estacionar neste tramo). Tamén se pechará ao tráfico a rúa Cartaxena. Estará cortado o paso á altura da rúa Castrelo, que cambia de sentido de circulación para facilitar o tránsito polo tramo da rúa Alonso Ríos.
Publicidade
Nas rúas Venezuela, Ronda de Outeiro, Arturo Pérez Lázara e Avenida Recinto Feiral o tránsito de vehículos verase afectado durante o paso da carreira de San Silvestre, con personal municipal e axentes da Policía Local nas interseccións.
Venres Circo de Fogo e espectáculo de luz e son
Por outra banda, con motivo da celebración este venres do espectáculo “Circo de Fogo” e a celebración do espectáculo de luz e son sobre a fachada do concello, tamén se cortarán dende as 16:00 horas os citados tramos da rúa Progreso e rúa Cartaxena.
Comments