A candidata popular de Camba, Cati Somoza, anuncia o seu plan de acción para o rural
Céntrase na mellora de pistas, estradas e camiños, do alumeado público, da cobertura de televisión e telefonía móbil e do servizo de recollida de lixo e no acondicionamento de fontes, lavadoiros e espazos públicos
Ecos da Comarca/Rodeiro
A candidata do PP de Rodeiro, Cati Somoza, anunciou este venres que o seu plan de acción para o rural ao longo da vindeira lexislatura 2023-2027 céntrase na mellora de pistas, estradas e camiños, do alumeado público, da cobertura de televisión e telefonía móbil e do servizo de recollida de lixo e no acondicionamento de fontes, lavadoiros e espazos públicos das parroquias.
“Imos desenvolver unha atención periódica e constante ao rural para seguir modernizando os seus servizos porque sempre queremos ofrecerlle máis aos nosos veciños. Por exemplo, sabemos que a xente está contenta co servizo de recollida de lixo polas parroquias, pero imos estar moi pendentes del para repoñer e ampliar os contedores e facer axustes porque sempre se pode subir a calidade”, manifestou Somoza.
Ademais, a candidata popular explicou que está previsto que se adique anualmente unha partida económica importante para mellora de pistas e outra para o seu mantemento e tamén anunciou que emprenderán un plan similar centrado exclusivamente no mantemento no caso do alumeado público de todas as parroquias de Rodeiro. E tamén vaise apostar polos investimentos, ben con fondos propios ben cos xestionados coa Xunta e a Deputación, no acondicionamento de fontes, lavadoiros e espazos públicos do rural.
“A nosa idea é ir arranxando fontes, lavadoiros, prazas, zonas públicas e equipamentos das nosas parroquias a un ritmo intenso para ir mellorando aínda máis e dotando de confortabilidade ás contornas rurais, pero loxicamente estableceremos un cronograma e atenderemos á dispoñibilidade orzamentaria, aínda que os veciños deben saber que témolo como prioridade e imos traballar sen desmaio neste ámbito”, manifestou.
Por último, a popular indicou que a sexta gran área de actuación para o rural pasa pola mellora urxente da cobertura de televisión e de telefonía móbil a través do aumento dos postes repetidores. Para elo, intensificaranse as xestións coas administracións competentes “co obxectivo de que, ao final da lexislatura, os 2.400 veciños teñan un acceso perfecto a todas as canles de televisión e haxa unha cobertura de primeiro nivel”.

Así mesmo a candidata revelou deste xeito parte do seu programa para o rural, que se enriquecerá nas vindeiras semanas coas propostas e suxestións recollidas polas parroquias, precisamente con motivo do inicio dos seus encontros veciñais, que arrancaron cunha dobre cita en San Paio de Senra e Riobó. Nestas dúas primeiras reunións, que terán continuidade polo resto das parroquias ao longo das dúas vindeiras semanas, estivo acompañada polo exalcalde e presidente provincial do PP, Luis López, e polo número 5 da candidatura popular, Pablo Cuñarro Fernández.
Finalmente, Cati Somoza engadiu que, ademais destes seis grandes eixos de actuación para o rural de Rodeiro, tamén vai adquirir un compromiso coa veciñanza desta contorna para o establecemento de canles de colaboración dende o Concello tanto coas parroquias como coas comunidades de usuarios de augas para a modernización, mellora e mantemento das traídas de augas de titularidade veciñal.