Esta iniciativa ten como obxectivo promocionar os produtos do mar entre o público infantil e transmitirase este mes a preto de 650 nenas e nenos dos concellos galegos de interior
Laura Moure/Terra de Melide
A campaña Ti si que es un bo peixe de promoción de produtos do mar entre o público infantil chegará este mes a preto de 650 nenas e nenos que participan nos campamentos de verán da Xunta e noutras actividades culturais de distintos concellos galegos de interior. Así o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a visita ao taller desta iniciativa que hoxe se desenvolveu no CEIP Ben Cho Shey, no concello do Pereiro de Aguiar. Entre estes municipios figuran Sobrado dos Monxes e Toques.
Esta campaña do Executivo galego pasará entre o 21 e o 30 deste mes por un total 12 concellos galegos. Tras o seu paso pola Baña, Ribas de Sil, Quiroga, A Cañiza, Melón, Frades, Mesía e este martes no Pereiro de Aguiar, Ti si que es un bo peixe estará este mércores nos municipios de Sobrado dos Monxes e Toques, o 29 de xullo en Rois e o 30 deste mes no Saviñao e na Pobra do Brollón.
Deste xeito, explicou Rosa Quintana, o obxectivo da Administración galega é seguir impulsando o consumo de peixes e mariscos entre os máis novos, especialmente entre os que residen no interior, e achegarlles coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos, as súas propiedades nutricionais e os seus métodos de captura. Para transmitir estes valores á poboación infantil de entre tres e 14 anos á que pretende chegar a campaña, esta iniciativa utiliza unha linguaxe próxima e a música como código de comunicación pois unha das pezas que inclúe é unha canción cunha letra e un ritmo fáciles de memorizar.
Comments