top of page

A Cabalgata dos Reis Magos volta as rúas de Silleda con batucada e animación

Ao remate, as súas Maxestades recibirán as peticións de todos os nenos no pavillón municipal César G. Fares con chocolate con churros gratis para todos os asistentes


Laura Moure/Silleda

A Cabalgata dos Reis Magos volta ás rúas de Silleda o vindeiro xoves día 5. O percorrido iniciarase, aproximadamente, ás 17:45 horas. As súas Maxestades de Oriente xunto co resto da comitiva aparecerán ao inicio da rúa Progreso (á altura do enlace ca rúa da Estación) para protagonizar unha agardada visita noutra noite máxica de Reis. Melchor, Gaspar e Baltasar chegan este ano acompañados de sorpresas para recoller as peticións dos nenos e nenas de Silleda e festexar o seu regreso despois de dous anos de ausencia nas rúas.

Así, as Súas Maxestades farán o percorrido a ritmo de batucada traendo dende Oriente, outros números de animación como dous maniquís xigantes e varios zancudos que animarán o periplo polas rúas de Trasdeza. O percorrido seguirá por toda a rúa Progreso, avenida do Parque (ata o enlace con Chousa Nova), rúa María Colmeiro, rúa Venezuela e Outeiro, voltando de novo ao pavillón municipal César G. Fares, onde terá lugar a rececpción Real.


Paradas para tirar caramelos

Por motivos de seguridade, os nenos e nenas non subirán este ano ás carrozas reais. Aqueles que queiran participar (de catro anos en adiante) poderán anotarse ata mércores na Casa da Xuventude-Biblioteca. Viaxarán na comitiva en autobús de época e participarán na tirada de caramelos que se realizará, tamén por motivos de seguridade en catro puntos estratéxicos do percorrido : na rúa Progreso (tramo final antes da rúa Trasdeza); na avenida do Parque; na rúa María Colmeiro e ao final da rúa Venezuela.


Tamén para maior seguridade e vistosidade da Cabalgata, dende o Concello de Silleda colocaránse avisos nas rúas por onde pasará a comitiva apelando á veciñanza a que non estacione nos tramos pola tarde. Así mesmo, tamén se fai un chamamento para evitar que o público se incorpore á comitiva ao seu paso, tamén por motivos de seguridade.


Recepción final, sorteo e chocolatada

O percorrido rematará no pavillón municipal César G. Fares de Silleda, onde as Súas Maxestades recibirán a todos os nenos, aos que agasallarán con bolsas de caramelos (todos sen gluten) recollendo as súas peticións nesta noite máxica.


Tamén no pavillón terá lugar o gran sorteo de Nadal da Asociación de Comerciantes de Silleda, para o que é preciso acumular tickets por importe total de 100 euros (pode ser un so tiquet de 100 € ou importe supeiror ou varios tickets de distintas tendas ou da mesma - sempre socios desta asociación- cuxa suma total sexa 100 euros como mínimo).


Os sobres cos tickets e a tarxeta co nome e teléfono da persoa que xoga deben ser entregados nos mesmos establecementos ECOS que teñen unha urna habilitada para a campaña durante todo o período de Nadal.

Ademais dos vales en premios que reparte a asociación ( 1 de 500 €; outro de 300 euros; 2 de 200 e 3 de 100 euros) tamén o xoves se sorteará a Paga Extra de Nadal que outorga o Concello de Silleda por valor de 1.000 euros. A xornada rematará no pavillón cunha chocolatada con churros gratis para todas as persoas asistentes.


Teatro para toda a familia e séquito branco do Carteiro Real

Por outra banda, a programación segue hoxe luns á tarder ca Xincana Segreda de Nadal (os equipos sairán de forma escalonada dende o Centro Social) e mañá ás 18:00 horas terá lugar no salón parroquial a representación da obra teatral A Alquimista, un espectáculo para disfrutar en familia, con entrada libre ás 18:00 horas.


O mércores visita Silleda o séquito branco do carteiro real, unha actividade de animación que percorrerá as rúas dende as 17:30 horas.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page