A Cabalgata de Reis de Lalín contará con cinco carrozas de luces
- Laura Moure

- 4 ene
- 3 Min. de lectura
Repartiranse 500 quilos de caramelos sen gluten
Laura Moure/Lalín
A Cabalgata de Reis de Lalín de mañá, luns, 5 de xaneiro, ten todos os seus preparativos en marcha, para que os Magos de Oriente percorran as rúas do casco urbano nas súas engalanadas carrozas e aviven, ao seu paso, a ilusión dos máis pequenos/as. A recepción real terá lugar a partir das 19:30 horas na Aldea dos Reis Magos onde os nenos e as nenas lalinenses terán ocasión de achegarse e compartir uns intres con Melchor, Gaspar e Baltasar. Durante o percorrido, as súas Maxestades e toda a comitiva real repartirán entre a rapazada e as persoas asistentes 500 quilos de caramelos sen glute mercados no comercio local.

Este ano haberá unha variación de percorrido no treito final, tal como se concretou na reunión preparatoria da Cabalgata que tivo lugar o martes 30 de decembro, na que participaron a concelleira de Aldeas de Nadal, Karen Fernández; o edil de Festas, José Cuñarro; e o seu homólogo de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Pablo Areán; o xefe da Policía Local, Pablo Pérez Asorey, e o xefe de Protección Civil, Víctor Blanco. Unha reunión na que tamén se estableceu, ademais do percorrido, o regulamento de tráfico durante a Cabalgata.
A saída terá lugar ás 18 horas desde o punto que vén sendo habitual: a rúa da Banda de Música, despois discorrerá por Penatoares, Praza da Marina, rúa Antonia Ferrín Moreiras, Avenida Luis González Taboada, para baixar pola Avenida de Bos Aires e a partir de aquí é cando se produce a variación do traxecto: báixase pola rúa Molinera, rúa Habana ata a casa taller de Papá Noel. Aí remata o que é o percorrido da Cabalgata, se ben as súas Maxestades dirixiranse a continuación á súa casa na Aldea dos Reis Magos para recibir aos centos de cativos/as que queiran facerse unha foto con eles ao tempo que seren obsequiados con algunha que outra larpeirada.
Na reunión de coordinación tamén se decidiu a regularización do tráfico durante a Cabalgata para o que se cortarán as rúas por onde transcorre, desde o comezo ata o remate. Tamén se liberará o aparcamento nos treitos que percorre a Cabalgata na rúa Molinera e na rúa Habana desde primeira hora da tarde ata final de percorrido. Queda tamén cortado ao tráfico a contorna da Aldea dos Reis Magos durante a recepción para garantir a seguridade da cativada.
Publicidade
A concelleira avanza que este ano a tradicional Cabalgata estará conformada por un total de cinco carrozas adornadas con moitas luces. As carrozas serán: as tres dos Reis Magos, o pesebre de Belén e o Palacio de Herodes. Cómpre indicar que as cinco carrozas estarán conducidas por distintos talleres da zona (Maxideza, Talleres Toimil, Jomabe e TLM), a quen lle agradecemos a súa colaboración. Tamén tomarán parte nela Autocares Meijide que irá cun autobús antigo pechando a Cabalgata, o Grupo de Gaitas Repenicando e Cabaleiros de Lalín.
Antes de facer o percorrido polas rúas lalinenses as súas Maxestades visitarán as persoas residentes no centro de maiores “Nosa Señora das Dores” (de 16 a 16.35 h aprox.), o centro de maiores “Geriatros” (de 16:45 a 17:15 aprox.) e o centro de maiores “Hogar de Santa Rita” (de 17:15 a 17:30 h. aprox.).
Publicidade
As súas Maxestades e o Concello piden colaboración e paciencia por anticipado aos condutores ante posibles molestias que se poidan producir durante a circulación o día 5 de xaneiro, polo que recomendan transitar con calma. Para velar que todo o dispositivo transcorra con normalidade contarase coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Emerxencias Lalín e Policía Local.








Comentarios