top of page

A borrasca Herminia deixa case 600 incidencias en Galicia relacionadas coa meteoroloxía adversa

Hai zonas que están sen luz e continuará o mal tempo ao menos ata o martes



Ecos da Comarca/Xeral

A borrasca Herminia segue deixando pegada en Galicia cun total de 589 incidencias relacionadas cos episodios de meteoroloxía adversa, segundo os datos xestionados polo CIAE 112 Galicia. A maior parte destas incidencias tiveron que ver coa caída de árbores e pólas nas estradas, que sumaron 277 casos, seguidas de 53 situacións relacionadas con cables caídos, 43 obxectos varios nas vías, 28 derrubamentos e 82 intervencións dos equipos de emerxencias para evitar riscos maiores.Tamén hai constancia de que hai zonas sen luz.


A provincia máis afectada foi A Coruña, onde se rexistraron 252 incidencias, seguida de Pontevedra con 216, Lugo con 96 e Ourense con 24. Entre os concellos con máis incidentes destacan Vigo, con 52 incidencias, seguido de Santiago de Compostela, onde se contabilizaron 23, e A Estrada, con 18. Outros municipios con alta incidencia foron Porriño e Pontevedra, con 10 casos cada un, e Cercedo-Cotobade, con 9. Na provincia da Coruña, ademais de Santiago, salientaron A Coruña e Padrón, con 8 incidencias en cada caso.


O impacto da borrasca tamén deixou unha serie de incidencias especialmente destacables. En Vigo, na rúa Conde de Torrecedeira, ás 14:40 horas, o 112 Galicia tivo constancia do desprendemento das placas do tellado do Instituto Politécnico, que supoñían un risco importante de caer á rúa. Informouse do sucedido á Policía Local para a súa intervención. Pouco despois, ás 14:55 horas, unha árbore caeu enriba dun coche na AC-544 ao seu paso por Sanamede do Monte, na Baña. Por sorte, non houbo danos persoais, pero foi necesaria a intervención dos axentes da Garda Civil para restablecer a seguridade na zona.

En Carballo, ás 15:15 horas, na rúa do Sol, parte dun andamio e do tellado dun edificio caeron á rúa, causando danos en varios coches estacionados. Foi necesario informar aos Bombeiros de Carballo, aos axentes da Policía Local e a Protección Civil. Ademais, en Cuntis, a partir das 16:15 horas, o 112 Galicia comezou a recibir avisos de inundacións en varias rúas do concello, o que obrigou a desaloxar vehículos para evitar situacións de perigo e fixo necesaria a intervención dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, así como dos efectivos de Protección Civil.


Nesta ocasión, si que houbo que lamentar danos persoais. Ás 15:50 horas, na AP-9 ao seu paso por Vilaboa, un Garda Civil resultou ferido ao caerlle unha árbore enriba. De inmediato informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se encargou do traslado do axente ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Ademais, solicitouse a intervención da Garda Civil e de Protección Civil. Pola contra, ás 17:10 horas, unha farola caeu enriba dun coche en circulación na saída de Celanova cara a Ramirás. Aínda que non se rexistraron feridos, foi necesario pasar aviso aos axentes da Policía Local e da Garda Civil, así como aos efectivos de Protección Civil.


A situación meteorolóxica continúa a ser complicada, e os servizos de emerxencias traballan sen descanso para facer fronte ás múltiples incidencias provocadas pola borrasca Herminia, polo que se pide á cidadanía que extreme as precaucións e siga as recomendacións das autoridades ata que mellore a situación.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Seguimos con mal tempo

A Xunta vén de ampliar a alerta vermella por temporal costeiro para mañá ao suroeste da Coruña e ao litoral da provincia de Pontevedra, que xa se activara para esta tarde no noroeste e oeste da costa coruñesa e que continuará na xornada de mañá.


Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.


Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta vermella estará activa desde esta tarde no noroeste e oeste da Coruña por mar combinada con ondas de ata 12 metros e prolongándose ata primeiras horas do martes, 28 de xaneiro, mentres que no suroeste da Coruña e o litoral de Pontevedra prevese que o temporal costeiro de nivel vermello comece no mediodía de mañá estendéndose tamén ata o martes por mar combinada con ondas de ata 10 metros. Estas zonas permanecerán ata mañá ao mediodía en alerta laranxa e desde ese momento pasarán a vermella e quedará só en nivel laranxa a Mariña lucense por ventos de forza 8 e mar combinada do oeste-noroeste con ondas de ata sete metros.


Cómpre lembrar que na xornada de hoxe mantense activa a alerta laranxa por rachas de ventos de 100 quilómetros por hora de sur-suroeste na Mariña lucense e no noroeste da Coruña, que tamén se estendeu ao oeste e ao interior da provincia coruñesa.

O nivel de aviso tamén é laranxa nesta xornada no interior e suroeste da Coruña; no noroeste, sur e na zona de montaña de Ourense; e en toda a provincia de Pontevedra por precipitacións acumuladas de 80 milímetros en 12 horas que poden acadar os 100 litros en 24 horas.


Debido ás últimas actualizacións dos partes meteorolóxicos dos distintos organismos predictores, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes informou da suspensión durante toda a xornada de hoxe da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior de 15 concellos da Mariña lucense e en 38 do noroeste da Coruña pola alerta laranxa por vento. Tamén está suspendida desde este mediodía en 33 concellos do litoral de Pontevedra; 22 concellos do  oeste e suroeste da provincia da Coruña; así como 19 concellos da montaña de Ourense. Os concellos afectados poden consultarse no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia.


Ademais, polo fenómeno adverso por temporal costeiro cancelouse tanto hoxe como na xornada de mañá a actividade deportiva federada no mar en toda Galicia. De cara a reducir riscos pola alerta vermella, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén non saír a navegar, pescar ou practicar deportes náuticos, así como que se respecten os cordóns de seguridade e as indicacións dos axentes e se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.


Ademais, sinálase a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.


Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page