O prazo acabará o 30 de decembro e os premiados participarán na fase provincial deste concurso
Laura Moure/Antas de Ulla
A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de poesía infantil
‘Nadal 2022’ cuxas bases vén de facer públicas a través da páxina web do Concello de
Antas de Ulla e das redes sociais oficias. Haberá un total de tres categorías e cada autor poderá presentar tantos traballos como desexe. O prazo rematará o 30 de decembro.

En concreto as bases son as seguintes:
Poden participar todos os nenos e nenas, con poemas cuxa temática sexa O Nadal
Establécense tres categorías : A: ata 8 anos; B: de 9 a 11 anos; e C; de 12 a 16 anos.
Cada autor/a poderá presentar cantos traballos desexe. Os poemas estarán redactados en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, e poderán presentarse mecanografados, escritos a computadora ou a man; neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor/a.
O prazo de presentación dos poemas rematará o 30 de decembro de 2022, debendo ser entregados polos seus autores/as na Biblioteca Pública Municipal.
Un xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os autores/as seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros.
Os traballos premiados nesta fase local, participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade da Xunta de Galicia.
O fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro do 2023.
Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública de Lugo que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.
Todas as incidencias non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado.
A presentación das obras a este certame supoñen a aceptación das presentes bases.
Comments