A Biblioteca Municipal Neira Vilas de Cruces terá no seu catálogo ‘Os Bolechas. Vivir con diabetes’
- Laura Moure

- 17 abr
- 2 min de lectura
Trátase dunha publicación educativa editada en colaboración coa asociación Anedia, á que pertence a veciña de Toiriz Mónica Veiga
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces recibiu onte no consistorio a Mónica Veiga, veciña da parroquia de Toiriz que pertence a Anedia (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia). Mónica Veiga entregoulle gratuitamente ao Concello o libro Os Bolechas. Vivir con diabetes co fin de visibilizar a diabetes tipo 1. A publicación estará dispoñible na Biblioteca Municipal Neira Vilas para todas aquelas persoas que estean interesadas en lela ou consultala para aprender sobre a enfermidade.

PUBLICIDADE
A concelleira Mireya Otero agradeceu este xesto de Mónica Veiga e Anedia e sinalou que o Concello de Cruces comprométese a facer un traballo de divulgación e sensibilización sobre a diabetes tipo 1. Os Bolechas. Vivir con diabetes é un libro educativo de Ediciones Bolanda, publicado en 2026 e creado por Pepe Carreiro en colaboración con Anedia, co apoio da Deputación da Coruña. O seu obxectivo é visibilizar, educar sobre a diabetes mellitus tipo 1 e fomentar a inclusión dos nenos, nenas e adultos que padecen esta enfermidade, mostrando que a diabetes afecta a persoas de todas as idades. O conto
trata de normalizar a convivencia coa diabetes, mostrando a personaxes que a padecen.
PUBLICIDADE
A asociación Anedia promove a colaboración entre persoas con diabetes tipo 1, profesionais e administracións para a creación de redes de colaboración, buscando unha atención integral, continuada e de calidade. Presente en toda Galicia, Anedia anima a toda a veciñanza de Cruces que sufra a enfermidade a coñecer o seu traballo e unirse á asociación para sensibilizar, dar visibilidade, fomentar a empatía e achegar coñecemento.








Comentarios