A biblioteca municipal de Silleda muda o seu horario no verán
- Laura Moure
- 13 jun
- 2 Min. de lectura
Aberto o prazo de matrícula nos dous centros da Escola Municipal de Música de Silleda
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda informa que a Biblioteca Pública Daniel Castelao adaptará o seu horario durante o meses de verán, segundo o seguinte calendario:
Do 16 ao 27 de xuño: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas.
Do 30 de xuño ao 15 de setembro: de luns a venres de 8:00 a 14:00 horas.
Do 14 de xuño ao 6 de setembro (ambos inclusive): os sábados a biblioteca permanecerá pechada.

Ademais, os uauarios e usuarias xa disponen de novos exemplares, entre os que destacan os títulos especiais dedicados ás Letras Galegas 2025, cunha edición especial que rende homenaxe ás cantareiras, figura fundamental do noso patrimonio cultural e musical. "Animamos a toda a veciñanza a visitar a biblioteca e aproveitar este verán para descubrir novas lecturas!", sinalan dende o Concello.
Por outra banda, a Escola de Música Municipal de Silleda vén de abrir o prazo de matrícula para o curso 2025-2026 nos dous centros: en Silleda e na Bandeira.
Para formalizar as matrículas, as persoas interesadas poden dirixirse ás dúas sedes da escola, no edificio da Emusi da Avenida Recinto Feiral ou no Auditorio Manuel Dopazo. Tamén se pode contactar por teléfono ou por correo electrónico. No caso de Silleda, chamando ao 986 592 004 ou escribindo a escolademusicadesilleda@gmail.com; e na Bandeira, ao 630 725617 ou a bandadebandeira@hotmail.com.
Publicidade
O curso comezará en setembro, con materias comúns e diferentes especialidades instrumentais. Ademais de Música e movemento, Iniciación e Linguaxe musical –comúns a ambos os centros–, en Silleda impártense clases de óboe, fagot, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, bombardino, tuba, violonchelo, percusión, batería, gaita, piano, guitarra, acordeón, harmonía e análise, música de cámara, banda infantil e banda xuvenil. No centro da Bandeira ofértanse óboe, frauta, clarinete, saxo, fagot, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, percusión, batería, pequebanda, banda xuvenil, linguaxe musical para adultos e grupo de preparación para probas de conservatorio.
A escola conta con máis de 200 alumnos e alumnas, que reciben unha formación completa e dos que se nutren as dúas bandas do municipio: a Banda Municipal de Silleda e a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira. As taxas están reguladas por unha ordenanza municipal, con descontos para irmáns, familias numerosas e persoas con discapacidade.
Comments