Haberá tres categorías por idades e o prazo de presentación estenderase ata o vindeiro 7 de maio
Laura Moure/Antas de Ulla
A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla vén de facer públicas as bases que rexerán o certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2021 na súa fase local.
Poderán participar todas as nenas e nenos con:
Narracións en galego cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara sobre o tema O dereito dos nenos e as nenas a participar na vida cultural. (Artigo 13, Convención sobre os dereitos do neno).
Debuxos feitos sobre cartolina de tamaño aproximado DIN A4 sobre o tema O dereito dos nenos e as nenas a participar na vida cultural. (Artigo 13, Convención sobre os dereitos do neno).
Cada autor pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computadora ou a man. Neste último caso, sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.
Categorías
Establécense tres categorías: a) ata oito anos, b) de 9 a 11 anos e c) de 12 a 16 anos.
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_7dc3853d377e425aa977d7ea9c92938c~mv2.jpg/v1/fill/w_900,h_1459,al_c,q_85,enc_auto/0216be_7dc3853d377e425aa977d7ea9c92938c~mv2.jpg)
O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro día 7 de maio, debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Pública Municipal. O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de 3 traballos. O fallo do xurado farase público antes do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Os traballos premiados na fase local participarán na fase provincial do certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura Educación e Universidade da Xunta. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública Municipal, que se reserva o dereito de publicación dos mesmos. A presentación dos orixinais supón a total aceptación destas bases
Comments