A Bandeira viaxará aos anos 50 o día 22 de xullo para presentar a súa Festa da Empanada
A Asociación Amigos da Empanada recreará unha feira da Bandeira de mediados do século XX que incluirá unha programación variada
Laura Moure/Silleda
A edición máis esperada da Festa da Empanada, da Bandeira, tras dous anos de obrigado parón, será presentada o venres 22 de xullo por todo o alto na vila de Bandeira, algo que non ocorría dende o 2017 debido ás presentacións realizadas en Santiago de Compostela (2018) e País Vasco (2019). A Asociación Amigos da Empanada de Bandeira, entidade organizadora, anuncia un interesante programa para desvelar a programación festiva de Bandeira no mes de agosto, presentación que estará ambientada nunha feira tradicional da vila dos anos 50, un claro homenaxe a unhas feiras que xogaron un papel transcendental no desenvolvemento do pobo.

“Será unha auténtica viaxe no tempo”, apunta o presidente Andrés Seoane, que anima a todas as persoas a “asistir ao evento coa roupa típica de mediados do século pasado” para desfrutar de postos tradicionais de comida e artesanía, así como contemplar vehículos propios deses anos. A xornada, que terá lugar na praza da vila, dará comezo en torno as 18:00 horas coa feira tradicional, que estará acompañada de xogos populares para as crianzas. De seguido, o prestixioso chef Alberto Lareo (EcoHotel Nós) será o encargado de cociñar unha empanada en directo. Ao fío das 20:30 horas, dará comezo a presentación oficial da XLVI Edición da Festa da Empanada que estará presentada por Cristina Collazo e contará coa participación especial da Asociación Cultural Xirandola. A partir das 21:30, Bandeira acollerá a II Ruta da Empanada polos bares da vila, que estará amenizada polos grupos silledenses Xirandola e O Son da Fervenza.
Ao acto, que será de entrada libre e gratuíta, están convocados diversos medios de comunicación, entre os que podemos destacar a Televisión de Galicia que estará a gravar o recentemente estreado programa “Comisións de festas”.