Terá lugar o vindeiro venres 28 de xuño no Centro Cultural Vista Alegre desta vila
Laura Moure/Silleda
A Asociación Cultural Amigos da Empanada da Bandeira (Silleda) presentará unha nova edición da cita gastronómica da Empanada, nesta ocasión, na propia vila da Bandeira. Así o decidiu a actual Xunta Directiva que, a pesar de contar con propostas de numerosos restaurantes repartidos pola xeografía galega, quere apostar por un evento “na casa e rodeados da nosa xente para celebrar que facemos 50 anos de moita empanada”, apunta Andrés Seoane, presidente do colectivo.

O acto de presentación realizarase no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, sede social de Amigos da Empanada, o venres 28 de xuño ás 19:30 horas e contará coa presenza de representantes do Concello de Silleda, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, así como de diferentes colectivos da vila e institucións privadas como O Muíño de Cuíña, Helvetia ou Abanca, entre outros. O evento será aberto a toda a veciñanza e terá unha degustación de empanadas para todas as persoas asistentes.
Unha exposición para celebrar os 50 anos de historia.
Ademais de presentar a programación ao completo da 48 edición da Festa da Empanada e dos Empanada Festivais, a presentación tamén será o pistoletazo de saída para unha exposición que Amigos da Empanada inaugura en colaboración coa Asociación Cultural Vista Alegre e que busca servir de homenaxe ao medio século de vida da Empanada (cabe mencionar que as edicións van con dous anos de retraso debido á COVID-19).
Publicidade
Carlota Salgado, creadora do cartel da 48 edición.
Luis Cerviño dalle paso a Carlota Salgado Leal, artista cruceña encargada da elaboración e deseño do cartel oficial da 48 Festa da Empanada e que será presentado neste evento. É graduada en Belas Artes e Grado Superior en frauta traveseira, e profesora de secundaria e conservatorio.
Por outra parte, Amigos da Empanada estreará nova imaxe para a Festa da Empanada e os Empanada Festivais, unha actualización que busca adaptarse aos novos tempos e potenciar a presenza dixital da cita gastronómica e musical. A empresa encargada desta renovación será EMSE Deseño Gráfico (A Bandeira), unha aposta máis da Festa da Empanada polo comercio local e de proximidade.
A Asociación Cultural Vista Alegre, socio de honra de Amigos da Empanada
Tras anunciar a semana pasada que José Casal e Xirandola serán distinguidos como Socios de Honra de Amigos da Empanada o próximo 24 de agosto no acto da Festa da Empanada, a entidade cultural desvela que a Asociación Vista Alegre tamén recibirá este recoñecemento honorífico. Nesta ocasión, o acto de entrega realizarase na propia presentación do 28 de xuño.
Publicidade
Ruta da Empanada polos bares da vila.
Tras a presentación e unha vez finalizada a degustación de empanadas, a celebración continuará na hostelería e restauración da Bandeira, onde dará comezo unha divertida ruta gastronómica e musical a partir das 21:00 horas. Esta ruta, amenizada polos grupos de música tradicional Punteirolo (Vila de Cruces) e Xirandola (A Bandeira), encherá de música e celebración todos e cada un dos bares do pobo, os cales porán de tapa empanadas de diversos sabores que poderán ser valoradas polos comensais a través de códigos QR instalados nos establecementos.
Promoción da Festa da Empanada na Feira da Bandeira.
E para que non sepa a pouco a xornada do día anterior, Amigos da Empanada amplía a promoción da XLVIII Festa da Empanada ao sábado 29 de xuño, coincidindo coa Feira da Bandeira. O colectivo sen ánimo de lucro aproveitará para vender a nova colección do merchandising da Festa da Empanada e os Empanada Festivais e ás 12:00 h terá lugar unha representación teatral, “A Vendedora de Fume”, protagonizada por Cristina Collazo e a súa compañía A Cova das Letras.
Podedes seguir todos os detalles desta festa na súa web: https://www.festadaempanada.org/
Commentaires