Amigos da Empanada anima a bailar a coreografía oficial do entroido estival, que terá lugar o vindeiro 22 de xullo na Praza Juan Salgueiro
Laura Moure/Silleda
A Bandeira celebrará a quinta edición do Entroido de Verán o próximo 22 de xullo na Praza Juan Salgueiro da Bandeira tras o éxito das últimas edicións. Deste xeito, o evento que naceu no ano 2017 coa idea de recadar fondos para a organización da Festa da Empanada, consolida a súa traxectoria e configúrase xa como unha cita ineludíbel do verán en Trasdeza.
O cartel, estreado a través das redes sociais do colectivo, prevé unha completa programación musical para a noite previa á xornada electoral. Ás 21:00 horas, a charanga local “Os Empanaos” será a encargada de iniciar o festexo antes de dar paso a unha sesión dos anos 80 que contará cos éxitos musicais desta década dourada para a música pop.
Publicidade
A medianoite chegará un dos momentos máis esperados coa pasarela de disfraces, onde as persoas que o desexen poderán lucir os seus orixinais e variados disfraces, contando con premios para os mellores. A continuación, terá lugar unha “DJ Party Night” a cargo de DJ Carlos López, DJ Xavi Villar e DJ Calwin.
Publicidade
Amigos da Empanada anima a toda a veciñanza da vila a “contaxiarse da alegría do entroido e saír á rúa coa vestimenta propia para bailar e gozar ao son da música durante toda unha noite de verán”. Ademais, a entidade lembra que a pesar da sesión dos anos 80 e a decoración propia desa época, a temática é libre coma todos os anos, animando ás persoas asistentes a disfrazarse con outros divertidos estilos.
Por outra banda, o Entroido de Verán tamén ten unha coreografía propia, trátase dun baile creado por Marta Maceira e Lía Pérez profesoras da academia Máisquedanza. O vídeo, producido por Alberto Pereiras, pódese atopar nas redes sociais da Festa da Empanada (@festadaempaada), quen anima a todos os internautas a imitar o baile e subilo á rede social TikTok. Aquel vídeo que conte con máis “gústame” o 21 de xullo ás 23:59 horas será recompensado con múltiples premios. A canción elixida este ano é unha versión da coñecida Girls just wanna have fun de Cyndi Lauper, estreada no ano 1983.
Comments