A Bandeira premiará no San Cristovo aos vehículos mellor decorados
- Laura Moure
- 30 jun 2023
- 2 Min. de lectura
A celebración chega mañá á vila da empanada con música, tradición e moita troula
Laura Moure/Silleda
A Bandeira (Silleda) celebra mañá, sábado 1 de xullo o San Cristovo, patrón dos viaxeiros e por extensión de todos os condutores e condutoras. A Asociación Amigos da Empanada de Bandeira argallou para esta xornada festiva unha completa programación que dará comezo ás 12:00 horas coa a misa solemne cantada para, posteriormente, dar paso á gran procesión de camións e outros vehículos históricos, que percorrerán as rúas da vila para recibir finalmente a bendición.
Publicidade
Como novidade, este ano celebrarse un concurso que premiará aos vehículos mellor decorados, existindo as seguintes categorías: camión mellor decorado, vehículo a motor mellor decorado, vehículo sen motor mellor decorado, vehículo infantil mellor decorado. A Asociación Amigos da Empanada anima á veciñanza a decorar non só os camións senón todo tipo de vehículos para a procesión como poden ser as bicicletas, furgonetas, coches etc.

O percorrido estará guiado polo camión histórico de Duro e Hijos e contará cun especial reforzo policial que velará polo cumprimento das medidas. As autoridades inciden en que queda completamente prohibida a presenza de persoas nos remolques dos vehículos e que se debe cumprir a normativa de tráfico na súa integridade, polo que non poderán estar na cabina máis persoas das permitidas ou menores que non alcancen a idade mínima, as persoas condutoras dos vehículos deberán posuír o oportuno permiso para circular e as crianzas deberán viaxar coa retención infantil necesaria. Ante o incumprimento destas medidas, podería correr o risco de cancelarse a procesión.
Publicidade
Ao finalizar a procesión, a festa trasládase á praza central da vila, onde dará comezo a sesión vermú a cargo de DJ Fonsi e o Dúo Reflejos, que amenizarán unha gran mexillonada gratuíta para todas as persoas asistentes. A partir das 15:00 horas será a quenda do xantar, cun prezo de 35€ e un menú composto por empanada, polbo, carne ó caldeiro, bebida, postre, café e chupito. As entradas para a comida poderanse mercar ese mesmo día pero o colectivo recomenda notificar asistencia a través do Whatsapp de Amigos da Empanada (621 08 71 17) e poder contar así cunha estimación de asistencia. Andrés Seoane, presidente de Amigos da Empanada, asegura que a comida si se celebrará ante os diversos rumores que promocionaban o contrario e pide á veciñanza que só atendan á información oficial que se publica nas redes sociais da Festa da Empanada ante o incremento dos bulos.
Ao finalizar a comida, DJ Fonsi será o encargado de continuar coa animación musical ata o comezo do XXXVII Festival de Baile e Música Tradicional Xirandola, que dará comezo ás 19:00 horas e contará ademais coa actuación do Grupo Municipal de Danzas Estoraque, agrupación convidada que chega dende Málaga. A troula non se detén en ningún momento xa que unha vez finalizado o certame de baile tradicional, comezará a verbena co Dúo Reflejos e o Trío Manhattan que actuarán xunto a DJ Cid durante unha longa noite de verbena.
Commenti