A Bandeira estreará o 8 o Himno da Empanada, composición creada polo artista Sergio Rodríguez
Será unha xornada cunha completa programación cultural e gastronómica e na que se dará a coñecer o cartel da 47 edición da Festa da Empanada, obra de Luis Cerviño
Laura Moure/Silleda
A empanada é moito máis que unha masa que agocha saborosos ingredientes no seu interior. A empanada é un dos pratos máis relevantes da gastronomía a nivel mundial e proba diso é a gran variedade existente non só no noso dentro das fronteiras do noso país senón en múltiples nacións como Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, México, Panamá, Venezuela, Grecia, Italia, Rusia, Turquía, Reino Unido entre outras. Tal é a súa relevancia histórica e social que ata a mesma Catedral de Santiago é testemuña desta irresistible elaboración a través do Pórtico da Gloria, onde o Mestre Mateo deixou inmortalizada para sempre a empanada galega. Se ben hai moitas dúbidas e debates en relación co incerto orixe da empanada, o que non se discute é que, na actualidade, a vila da Bandeira, en Silleda, é a capital absoluta da empanada. E proba disto é a celebración dende o ano 1974 da coñecida Festa da Empanada, un evento gastronómico que reúne a terceira fin de semana de agosto a miles e miles de persoas en torno ao prato estrela da gastronomía galega. E como non podía ser doutro xeito, este pequeno pobo dezá celebrará o vindeiro 8 de abril o Día Mundial da Empanada onde como gran novidade estreará o himno do seu prato estrela.
O colectivo cultural Amigos da Empanada anunciou a I Gala da Empanada, que terá lugar o Sábado Santo no Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira a partir das 19:30 horas. O evento estará presentado pola actriz Cristina Collazo e o locutor radiofónico Pablo Chichas e sacará a alfombra vermella e a roupa de gala para estrear o Himno da Empanada, unha composición creada polo artista local Sergio Rodríguez.

Para a interpretación do himno oficial da Empanada, A Bandeira contará coa participación da súa Banda Recreativa e Cultural así como do Coro Vales Mahía. Ademais, outras agrupacións locais como a Asociación Cultural Xirandola e os Xenerais da Entroido da Bandeira actuarán nunha gala na que tamén se cociñará unha empanada en directo pola galardoada Lola Sangiao e Alfonso Mato. O evento, en formato show, será totalmente gratuíto e aberto a todo tipo de público.
Presentación do cartel da 47 Festa da Empanada.
Ademais, a Gala da Empanada acollerá a presentación do cartel da 47 edición da Festa da Empanada. Nesta ocasión, a persoa encargada do seu deseño e creación foi o veciño e artista Luis Cerviño, moi coñecido na contorna pola súa profesión de tatuador.
Por outra banda, o acto acollerá a distinción dos Socios de Honra da entidade e o nomeamento dos Valedores e Valedoras da Empanada. Nesta edición, as personalidades que recibirán o título honorífico son:
Ana Pardo de Vera, xornalista e filóloga nacida en Lugo. Traballou en varios medios de comunicación como Sur de Málaga, La Voz de Galicia, Tiempo, Diario 16 ou Público, un dos xornais dixitais máis relevantes do noso país e do que actualmente é directora corporativa e de relacións institucionais tras participar na súa fundación e dirixilo durante anos. Ademais de colaborar con múltiples medios autonómicos e nacionais como Mediaset, RTVE, Catalunya Ràdio, TV3 ou ETB é autora da novela Chantaje a una jueza e do libro En la maleta de Zapatero así como coautora do ensaio La armadura del rey. A popular periodista galega presenta unha dilatada e experimentada carreira no mundo da comunicación pero tamén cabe destacar que foi asesora dos Ministerios de Defensa, Industria e Turismo e Vicepresidencia de Política Territorial durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero.
Lucía Freitas, chef de relevancia internacional que posúe entre outros galardóns unha estrela Michelín e revolucionou a gastronomía galega grazas a súa creatividade para unificar a cultura gastronómica galega coa actual corrente hostaleira. Posúe dous restaurantes, "A Tafona" (2009), localizado en Santiago de Compostela e que naceu coma unha casa de comidas na que pretendía abrir a todos os públicos unha cociña máis elaborada e "Lume", un novo concepto de barra gastronómica na que cociñar sen etiquetas e que posiciona a Lucía como unha das mellores empresarias gastronómicas de España. Foi a pregoeira da 46 edición da Festa da Empanada.
María Lama, nada en Vigo no ano 1980 e licenciada en periodismo, ten unha ampla traxectoria no mundo da radio, no que daría os seus primeiros pasos baixo a Cadena SER, destacando a súa participación nos programas “Hora 25” e “Hoy por hoy”. Posteriormente saltou a Los 40 Principales, copresentando o exitoso programa morning show Anda Ya ao que retornaría logo de copresentar o coñecido Atrévete na emisora Cadena Dial. Na actualidade, presenta o espazo de "Las Mañanas Kiss" xunto a Xavi Rodríguez en Kiss FM. Ademais, María Lama ten experiencia no mundo da televisión, colaborando programa Todo va bien de Cuatro ou Zapeando de La Sexta.
Adrián López, máis coñecido como Lode, nado en Narón (A Coruña) no ano 1993, é cantante, compositor, bailarín e coreógrafo. No ano 2017, abre a súa propia Academia de baile (All Dance Studio) e ademais cumpre o seu soño de participar no programa televisivo "La Voz", onde formou parte do equipo de Juanes. É a partir deste momento, cando se adentra de cheo no mundo da música, traballando na profesionalización de moitos dos seus temas que xa viron a luz nos últimos anos con gran éxito. Máis de 1 millón de persoas en TikTok e máis de 300.000 en Instagram gozan a diario da súa música e das súas coreografías.
Ruta da Empanada
Despois da celebración da I Gala da Empanada, a partir das 21:00 horas, será o momento de degustala na compañía de grupos como Punteirolo e a Charanga Chámalle X, que recorrerán todos os bares da vila da Bandeira para amenizar unha nova edición da Ruta da Empanada. Os bares participantes ascenden a doce, a totalidade dos existentes na vila da Bandeira, e os sabores das empanadas son os seguintes:
- Bar Victorino - Polbo
- A Taberna do Músico - Solomillo con setas
- Café Bar Arume - Terra, mar e aire
- Conde Rey - Carne
- Taberna Zaux - Bacallau
- Bar Tachy - Bonito
- Vinoteca Cadeira – Estilo Cadeira
- Bar Trecola - Richada de Forcarei
- A Plazoleta - carne
- Bar Atly - Polo (sen glute) / zorza / bacallau con pasas
- Café Bar Bernabé - Polo
- Mesón Bandeira - Mexillóns