top of page

A Bandeira celebrará, o 8 de abril, o “Día Mundial da Empanada” para homenaxear o prato gastrómico

Acollerá unha mesa de debate que abordará como tema central, a empanada: historia, tradición e exaltación, cunha especial referencia á Festa da Empanada de Bandeira e ao Camiño de Santiago


Laura Moure/Silleda

A Bandeira celebrará, o venres 8 de abril, o “Día Mundial da Empanada” para homenaxear o prato gastronómico máis importante da vila trasdezá. O evento dará comezo ás 18:00 horas no Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira, que acollerá unha mesa de debate que abordará como tema central, a empanada: historia, tradición e exaltación, cunha especial referencia á Festa da Empanada de Bandeira e ao Camiño de Santiago.

Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, será a persoa encargada de presidir o acto. Naceu en Abades (Silleda) en 1970, é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, posgrao e mestrado en Administración Local (USC) e diplomado en música polo Conservatorio de Santiago de Compostela. Ten realizado desde hai anos un intenso labor de dinamización da cultura e lingua de Galicia dende o ámbito dos municipios, no que resaltou a planificación e execución de programas de amplo contido no fomento do idioma. Na actualidade é secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), dirixindo este departamento, que regula a política lingüística da lingua galega tanto na Galicia territorial como a súa proxección exterior.

O secretario xeral moderará unha mesa composta polas seguintes persoas:


  1. Daniel González Alén: escritor e investigador galego. Falará sobre a importancia do patrimonio artístico, cultural, natural e gastronómico para o turismo da comarca, con especial incidencia da Vía da Prata do Camiño de Santiago ao seu paso pola vila de Bandeira e a Festa da Empanada.

  2. Marichelo Penoucos Castiñeiras: unha das fundadoras da Festa da Empanada de Bandeira e unha persoa que estivo involucrada en todas as edicións deste evento gastronómico, con orixe no ano 1974. Contribuíu tamén ao nacemento da Asociación Amigos da Empanada hai xa 26 anos, así como á consecución do título de Festa de Interese Turístico Galego (1999).

  3. María Espinosa Borrego: propietaria da casa rural San Ginés, situada en Ferreirós (Vila de Cruces). É a gañadora da última edición do prestixioso concurso da Festa da Empanada (2019), na categoría de “profesionais”.

  4. Lola Sangiao Cacheiro: veciña de Bandeira e Socia de Honra da Asociación Amigos da Empanada pola súa colaboración permanente na organización da cita gastronómica. Gañadora de numerosos premios no certame da empanada na categoría de “afeccionados”. Presidenta da Asociación Vista Alegre de Bandeira, contribúe á dinamización cultural da Bandeira.

  5. Representante do Muíño de Cuíña: Empresa familiar creada en 1918 e situada en Prado (Lalín). Destaca que a pesares de aumentar a súa produción, esta segue sendo igual de tradicional e artesá que nos seus inicios. Falarán da importancia da calidade da materia prima básica, a fariña, na realización das empanadas, así como dos distintas tipos e variantes existentes.

A continuación, a partir das 19:30 horas, o Grupo de Gaitas de Xirandola (Bandeira) e a Asociación Cultural Punteirolo (Vila de Cruces), amenizarán a I Ruta da Empanada, na que todos os bares da vila ofrecerán de tapa, empanada:

  • Arume: coello / luriñas.

  • Atly: mexillóns.

  • Zaux: carne.

  • Conde Rey: bacallau.

  • Victorino: polbo.

  • Trécola: vexetariana.

  • A Taberna do Músico: marisco.

  • Bernabé: polo.

  • A Plazoleta: atún / carne.

  • Tachi: polo.

  • Mesón Bandeira: carne.

  • Vinoteca: rabo de vaca

A veciñanza poderá valorar as diferentes empanadas a través dun Código QR exposto en cada establecemento. O bar gañador será anunciado a través das redes sociais da Festa da Empanada. A Asociación Amigos da Empanada espera, desta forma, homenaxear o prato máis relevante de Bandeira e axudar a dinamizar a hostalería do pobo.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page