A Bandeira acolle o día 7 unha nova edición do certame Azaloira que cumpre dúas décadas
Laura Moure/ Silleda
O baile tradicional volve ser protagonista na Bandeira da man dunha nova edición do certame Azaloira, que celebra dúas décadas, como referente no panorama galego. A cita, organizada por Fortín da Pomba, xuntará o vindeiro sábado día 7 a máis dunha ducia de agrupacións de distintas localidades galegas na praza Juan Salgueiro da Bandeira a partir das 18:00 horas.

O certame volve contar este ano con dúas categorías. Na primeira, a categoría A (de 8 a 13 anos), participarán dous grupos de Cantigas e Agarimos, outro da Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre; o grupo “Papoula”, de Xacarandaina; “Os Castros”, dos Xeitosos de Trazo; “Luarada”, da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio e os “Retranqueiriño”, da agrupación Retranqueiros.
Na categoría B, de 14 a 17 anos, concursarán outros nove grupos: dous de Xacarandaina (“Zarzallo” e “Algareo”); un grupo de Armadanzas de Laraño; “Carrapucheiros”, da Asociación Cultural O Fiadeiro; outro grupo de Ultreia; “Barulleiros”, do colectivo Santiaguiños de Boimorto; “Os Batáns”, dos Xeitosos de Trazo e outro grupo de Cantigas e Agarimos.
A modo de exhibición, desfilarán tamén polo escenario a Asociación Cultural Carballo da Manteiga, de Lalín, e Punteirolo, de Vila de Cruces. Como colofón, a cita contará tamén ca participación da asosicación Xenerais da Bandeira, que recrearán o tradicional entroido da Ulla.
Premios
En canto aos galardóns, en cada categoría haberá un primeiro premio de 400 euros e trofeo; un segundo de 250 euros e e un terceiro tamén de 150 euros e trofeo. Tamén haberá dous accesists para o mellor vestiario e o mellor acompañamento.
Dende Fortín da Pomba a súa presidenta, Denise Varela, que este venres presentou o cartel xunto con membros da directiva, o alcalde, Manuel Cuiña e a concelleira de Cultura, Mónica González, agradécese “o apoio do Concello de Silleda e de todas as empresas e comercios que colaboran e que fan posible a realización deste certame, un dos máis prestixiosos, que cumpre agora dúas décadas de historia”.
Cuiña e Mónica González destacaron así mesmo o traballo realizado por Fortín da Pomba, “que ven a reforzar a sona que ten Bandeira no ámbito tradicional, tal e como se demostra ano tras ano cun plantel de calidade no cartel do Azaloira”, engaden.