A banda de Antas, unha das máis antigas de Galicia, deu a coñecer o libro que fala dos seus 125 anos
"Unha publicación que fala, como non, de música, de historia, e dun soño veciñal colectivo", sinala a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo
Laura Moure/Antas de Ulla
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este sábado o libro Coa música a outra parte.125 Aniversario da Banda de Música de Antas de Ulla dos autores Eduardo Salgado Coego e José Manuel Salgado Mosquera nunha gala que organizou a formación musical na Praza Nova do Concello. A publicación, que foi financiada integramente pola institución provincial, percorre a historia da agrupación musical dende os seus comezos.

“Hoxe estamos a presentar unha publicación que percorre os 125 anos de historia da Banda de Música de Antas de Ulla. Un libro que fala, como non, de música, de historia, e dun soño veciñal colectivo”, explicou García Porto. A Deputada relatou que “como nena de Antas, eu medrei escoitando á banda. Asociando a banda con festa, ledicia, xuntanza. E como veciña, pronto tomei conciencia da importancia da súa labor cultural, o que me animou a colaborar con ela. Unha colaboración que estou orgullosa de impulsar dende a miña responsabilidade de xestión pública con iniciativas como a publicación deste libro”.
“Nestas páxinas vexo reflectida a historia da Banda, pero tamén a historia do concello de Antas e da comarca da Ulloa; o desexo dos veciños e veciñas de impulsar a cultura e de defender as tradicións; a pegada dos episodios máis tristes do século XX, pero tamén o desexo de superalos xuntos, de abrir novas páxinas, de gañar o futuro”, explicou a Deputada.
O futuro da formación está garantido
Pilar García Porto salientou que o futuro da formación musical está garantido “pola media de idade dos actuais membros da Banda” e sinalou que “as redes sociais son canles nas que poder difundir actuacións, música, ou iniciativas. Estou convencida de que a banda, que actúa sempre como embaixadora de Antas, da Ulloa e da provincia de Lugo, ten tamén neses soportes un escaparate de luxo para exhibir a súa calidade musical”.
Nas súas 144 páxinas, o volume narra as orixes da formación a finais do século XIX, dá conta dos seus integrantes ao longo destes 125 anos, dos temas máis populares nas diferentes décadas e recolle as innumerables anécdotas da formación. A publicación tamén recupera as fotografías máis antigas da banda, partituras e documentos que relatan por si mesmos a pegada que esta formación musical tivo ao longo da súa historia non só no concello, na comarca e na provincia, senón en toda Galicia.
Cunha presentación do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, na que pon en valor a labor da Banda de Antas como embaixadora da provincia, o libro conta tamén cun prólogo de Manuel Vilar Álvarez, Director do Museo do Pobo Galego.
Fundada en 1896
A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80. Trátase dunha das formacións máis antigas de Galicia e é unha embaixadora de primeiro nivel para a promoción da provincia de Lugo, que axuda a dinamizar o concello de Antas e pon en valor as tradicións e a cultura da provincia.
A Deputación de Lugo investiu un total de 15.423 euros para a publicación deste libro, cunha tirada de 1.000 exemplares, a organización dunha exposición sobre o aniversario da banda e dous vídeos que documentan tamén ese percorrido da historia da formación e que foron realizados polo Servizo de Audiovisuais da institución provincial. Ademais, a institución provincial colabora con 18.000 euros para a celebración dos distintos actos conmemorativos do seu aniversario, chegando o total das achegas a preto de 36.000 euros.
A Gala Unha historia que contar... tivo como protagonista un concerto da Banda de Música e ademais contou coa participación do actor Fran Lareu e a actriz Paula Cereixo, que interpretaron o que deron de si estes anos na formación ulloá. Sergio Alba, Silvia Ferre, a Escola de Baile GoldDance, a Asociación Fiadeira, Miguel Varela (Miki) e o coro de nenos e nenas EMAU completaron o cartel do evento para unha velada entretida e familiar.
NOTICIAS RELACIONADAS: