Laura Moure/Antas de Ulla
A Axencia Galega de Infraestruturas asumirá a xestión das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde en Antas de Ulla. A resolución do 6 de marzo de 2023 pola que se dá publicidade da encomenda do Servizo Galego de Saúde á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde nesta localidade foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOGA) deste xoves, 16 de marzo.
De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:
Resolución do 13 de febreiro de 2023, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde en Antas de Ulla.
Actividade: a Axencia Galega de Infraestruturas asumirá a xestión das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde en Antas de Ulla.
A Axencia Galega de Infraestruturas obrígase a: 1. Realizar os actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos que sexan precisos para o cumprimento do obxecto da encomenda e, particularmente, os de obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.
2. Con base no establecido no artigo 62 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, asumir a función de responsable do contrato, para o que o órgano de contratación designará unha persoa física ou xurídica vinculada a esta Axencia, a que corresponderá supervisar a súa execución, adoptar as decisións e ditar as instrucións necesarias co fin de asegurar a correcta realización da prestación pactada, dentro do ámbito de facultades que o órgano de contratación lle atribúa.
3. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante que asistirá ao acto de recepción das obras en que se levará a cabo a súa entrega.
4. Calquera competencia que lle corresponda en virtude da normativa de aplicación.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ter a Axencia Galega de Infraestruturas a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Financiamento: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución desta encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.
– Prazo de vixencia: a eficacia da encomenda estenderase desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía.
NOTICIA RELACIONADA:
Anuncio da construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-construir%C3%A1-un-novo-centro-de-sa%C3%BAde-en-antas-de-ulla-que-triplicar%C3%A1-a-s%C3%BAa-superficie-actual
Comments