Ecos da Comarca/Xeral
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) lembra a necesidade de doar sangue nas xornadas previas á ponte festiva do mes de xullo, xa que, todos os días son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue para posibilitar o desenvolvemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos.
Ao longo da presente semana, as unidades móbiles de ADOS están a realizar campañas de doazón de sangue en máis de 30 concellos co obxectivo de facilitar o acceso ao solidario xesto da doazón ao maior número de cidadáns.
ADOS quere salientar a importancia de aumentar a participación nas campañas de doazón de sangue nos meses de verán, un período especialmente sensible, xa que os meses estivais presentan dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para o mantemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos. Ademais, a deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións, fai preciso reforzar o permanente chamamento apelando á solidariedade que a Axencia traslada á cidadanía.
Publicidade
Agradecementos
"Desde a Axencia, co gallo da celebración do Día de Galicia, queremos facer un recoñecemento público á figura dos doantes de sangue, xa que xogan un papel fundamental no sostemento do noso sistema público de saúde. Grazas á solidariedade demiles de galegos e galegas, resulta posible a realización de intervencións cirúrxicas, transplantes de órganos, realización de tratamentos a doentes oncolóxicos,...".
No ano 1993, Galicia iniciaba a recollida de doazóns de sangue en unidades móbiles e, desde entón, téñense recollido preto de 3.300.000 doazóns de sangue. Deste xeito, a nosa Comunidade pasou de ser a última en índice de participación a encabezar os rankings de solidariedade. Neste eido, salientar que Galicia é a quinta Comunidade Autónoma en índice de doazón de sangue, cunha participación tres puntos por riba da media nacional de doazón de sangue.
ADOS quere amosar o seu agradecemento a todos os cidadáns que contribúen coa súa doazón a salvar vidas, xa que a doazón de sangue representa, para moitos enfermos, un xesto indispensable que permite solucionar graves problemas de saúde. Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.
Kommentare