"Aínda se está a tempo de recuperar para todos e todas o Furelos!", subliña
Ecos da Comarca/Melide
O pasado día 12 ECOS DA COMARCA publicaba dunha vertedura ao rego de Piñor dentro do ZEC Serra do Careón (Melide). A Asociación Troiteiros Río Furelos emitiu este venres o seguinte comunicado:
“ E que o Río continúe a cantarlle á ribeira...”
Coma sempre, o de sempre !
O pasado día 11 de maio de 2024 o Furelos sufriu unha vertedura no lugar de sempre, do mesmo xeito que sempre, posta en coñecemento das autoridades polos de sempre e levada a cabo polos que, coma sempre, ninguén identificará
DESCRIPCIÓN DOS FEITOS:
a) No río Furelos, augas abaixo da desembocadura do Rego de Reboredo-Vimianzo, houbo unha vertedura que desprendía un cheiro a gasóleo. Esta vertedura, que ten a súa orixe no Polígono industrial, afectou a un tramo vedado polo que as consecuencias son máis graves.
b) Unha vez que os troiteiros chamaron ao 112, activouse o protocolo para estes casos que obriga á Policía municipal, Axentes da Consellaría de Medio Ambiente, Augas de Galicia e SEPRONA, a desprazar persoal para realizar as oportunas investigacións e elaborar o pertinente informe.
Solicitámoslle o concelleiro responsábel de Medio ambiente do goberno municipal, Xosé
Iglesias García, que: o aplicando a necesaria transparencia democrática, faga públicos os devanditos informes para que a opinión pública os coñeza e, dese xeito, se faga unha opinión. o Alén máis, realice un atento seguimento do proceso.
D) Lembrámoslle á opinión pública que:
A sistemática contaminación do Furelos ten a súa orixe nun polígono industrial que foi aprobado en maio de 1997 sendo alcalde do goberno formado polo PP Miguel Pampín Rúa. A primeira denuncia sobre estes atentados á saúde do Furelos data do 18 de agosto de 2005 e foi realizada pola Asociación de Troiteiros.
Oito anos de verteduras continuas sen ningún tipo de actuación por parte das administracións ( Consellaría e Concello)!
No mandato do ano 2007,sendo alcaldesa Socorro Cea do goberno bipartito BNG/PSOE
aprobouse a construción dunha depuradora. Non puido ser realizada a obra por mor do recurso xudicial presentado polo PP, liderado por Ángeles Vázquez, posterior alcaldesa e actual conselleira de medio ambiente.
Publicidade
Ao longo destes anos a depuradora foi a pantasma que aparecía como compromiso nas
campañas electorais e desaparecía unha vez rematada a mesma. Iso foi o que levou a Asociación de Troiteiros no ano 2017 a facer un chamado aos grupos políticos de Melide a acordar un PACTO POLO RIO que retirara da batalla electoral o asunto da depuradora e permitira negociar entre eles un acordo que os comprometera a manter unitariamente unha mesma posición nas xestións ante as institucións implicadas na solución
do problema. Lamentabelmente o PP non se adheriu e a, entón alcaldesa, Dalia García Couso enviou un escrito no que explicaba as razóns polas que non se sumaba.
En xuño de 2020, sendo alcalde José Manuel Pérez, foi aprobada unha moción na que se
expresaba literalmente : “ ... que o Concello de Melide solicite ao organismo correspondente da Xunta de Galicia a dotación dunha estación de augas residuais industriais xa que o parque empresarial carece desde a súa orixe dela”. Nada se soubo, desde aquela, de como van as xestións deste asunto.
A Asociación de Troiteiros avaliou, naquela altura, positivamente o acordo aínda que o
considerou insuficiente pois este tipo de depuradora non serve para verteduras do tipo
como o que aconteceu o pasado dia 12 .
Publicidade
Reiteramos que a solución a estas verteduras esixe transitar por estas vías :
a) A Consellaría de Medio Ambiente, nomeadamente a responsábel da mesma desde xa hai anos, Angeles Vázquez, debe aplicar as medidas disciplinarias que marca a lei. O que contamina debe pagar.
b) A construción dunha depuradora de residuos industriais. Reiteramos que a única solución é dotar ao polígono industrial dunha depuradora eficiente que garanta que as verteduras que cheguen ao Furelos sexan seguras desde o punto de vista ambiental. Que mellor reclamo para que se instalen novas empresas que un polígono que conte cunha infraestrutura fundamental e moderna ( alén de ser obrigatoria legalmente)!
c) Os partidos e asociacións cidadáns deben retomar o camiño do acordo. O camiño do PACTO POLO RIO. Aínda se está a tempo de recuperar para todos e todas o Furelos!"
Asdo: Xavier Pazo Blanco, Presidente da Asociación Río Furelos
Noticia de Ecos da Comarca sobre a vertedura: https://www.ecosdacomarca.com/post/detectan-unha-vertedura-ao-rego-de-pi%C3%B1or-dentro-do-zec-serra-do-care%C3%B3n-melide
Comments