A Asociación Troiteiros Río Furelos alertou de porcos mortos neste río do camión accidentado o día 3
Este vehículo sufríu unha saída de vía nesta parroquia melidense e os animais xa foron retirados das augas polo Concello
Ecos da Comarca/Melide
A Asociación Troiteiros Río Furelos alertou este luns da presenza de porcos mortos neste río. Estes animais viaxaban no camión que o pasado día 3 de xaneiro sufríu un accidente na N-547 á altura desta parroquia melidense.
"Nunha comprobación e percorrido polo tramo afectado e augas abaixo a 1,800 quilómetros aproximadamente, no tramo vedado do río Furelos, entre a Ponte Romana e a de Portochao, situado no Folicheiro, preto da Escala de Salmónidos, puidemos comprobar que a día de hoxe (por este luns, día 10) continúan algúns dos porcos mortos no cauce do río Furelos", informa a Asociación Troiteiros Río Furelos. Tras consultar a incidencia con Augas de Galicia e co 112, estes indicáronlle que a retirada dos animais é competencia municipal.
Ante isto, o colectivo solicitou ao Concello que puxera canto antes en marcha as medidas necesarias "para garantir unha maior seguridade medioambiental. A saúde e a riqueza piscícola do río Furelos e afluentes é asunto que nos atinxe a todos e, en particular, a quen ten a autoridade para tomar as decisións axeitadas para resolver este problema", subliña este colectivo.
Pola súa parte, o Concello de Melide xa levou a cabo a retirada dos animais.

NOTICIA RELACIONADA: