"Conseguimos unha cantidade modesta, pero moi benvida e é unha axuda económica, pero tamén un impulso cara o noso obxectivo", indica o colectivo lalinense
Laura Moure/Lalín
A Xunta publicou esta semana a Resolución sobre as ordes de axuda para sufragar os coidados de animais domésticos abandonados, que se resolve coa concesión de máis de 400.000 euros a 17 entidades locais (218.090 euros ) e 12 asociacións protectoras (185.684 euros). O Diario Oficial de Galicia do 16 de novemebro publicou a resolución da convocatoria de 2021, que se dividiu en dúas ordes: unha dirixida a entidades locais, como administracións responsables da recollida e acollemento de animais abandonados e da xestión das colonias felinas; e a outra, destinada a asociacións inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.
Das comarcas só unha se veu beneficiaria desta aportación. É a Asociación Protectora Bigotes Colonias de Gatos de Lalín que recibe 1.628 euros. "Este ano a convocatoria de axudas a castracións en colonias felinas (tamén para cans, pero nós xa sabedes que non levamos) inclúe unha liña de subvencións que podían pedir as protectoras. Esa circunstancia abriunos a opción a poder solicitar unha axudiña económica para as castracións... e puxémonos mans a obra. Conseguimos unha cantidade modesta, pero moi benvida", indica o colectivo lalinense. "É unha axuda económica, pero tamén un impulso cara o noso obxectivo. Queremos compartir con vós esta boa noticia de que fomos quen de traer cartos para Lalín. Seguiremos intentando mellorar a nosa situación de modo que para o próximo ano poidamos solicitar axudas máis cuantiosas e que tamén inclúan outros aspectos importantes como por exemplo alimentación e chipeados, entre outros, aos que non puidemos optar este ano". Ademais, a asociación lembra que este ano vende lotería, polo que todos aqueles interesados poden poñerse en contacto con ela a través das súas redes sociais, porque deste modo estarán axudando aos gatiños que coida e protexe este colectivo.
Obxectivo destas subvencións
As subvencións concedidas axudarán a sufragar gastos como a esterilización cirúrxica dos exemplares que tutelan; a identificación dos mesmos mediante implantación de microchip, inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac) e expedición do pasaporte sanitario; a compra de alimento; e a vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas.

Cómpre lembrar que, no caso as entidades protectoras debidamente rexistradas, tamén podían solicitar axudas para a realización de campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, así como para comprar material non funxible co fin de dotar aos centros que xestionan dos medios necesarios para atender aos animais.
Para a Xunta a protección dos animais domésticos é unha prioridade, por iso desde 2017 mobilizado un orzamento global de máis dun millón de euros, coa que atender os coidados e necesidades dos animais abandonados. Ao tempo, mantén campañas de sensibilización sobre a tenza responsable de mascotas, para evitar o abandono e incidir na tenza responsable.
Asemade, impulsou unha a Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, que entrou en vigor en xaneiro de 2018, para dar resposta a dous obxectivos principais: combater o maltrato en calquera das súas formas e promover o abandono cero na Comunidade a través do fomento das adopcións e da concienciación social sobre a tenza responsable de animais domésticos.
コメント