A Asociación O Naranxo denuncia novos danos na bandeira palestina e asegura que a volverá pintar
Ecos da Comarca/Lalín
A Asociación Cultural O Naranxo de Lalín denuncia que a bandeira palestina que pintaron hai anos no seu pobo volveu ser danada esta semana, despois da última nota de prensa na que a entidade aseguraba publicamente que non permitiría que estes actos servisen para silenciala.

Desde O Naranxo lembran que a bandeira foi pintada de maneira pública, acompañada dun acto de denuncia da ocupación e de solidariedade co pobo palestino. “Nunca agochamos o que pensamos. Nunca o fixemos ás agachadas e nunca tivemos medo de dicilo”, sinalan.
PUBLICIDADE
A entidade afirma que a bandeira leva meses sendo borrada en diferentes ocasións e cuestiona que estes actos se realicen durante a noite e de maneira anónima. Ao seu entender, borrar ou esborranchar a pintura non constitúe unha forma de expresar unha opinión diferente, senón “tentar calar”.
“Quen queira discrepar, que discrepe. Quen queira criticar, que critique. Quen queira expresar unha opinión diferente, que a exprese”, manifesta a asociación, que engade que “borrar, esborranchar e cometer actos vandálicos non é argumentar”.
PUBLICIDADE
O Naranxo asegura que continuará pintando a bandeira cada vez que sexa danada. “Podédela volver borrar. Nós volverémola pintar”, afirma a entidade, que defende que a súa presenza responde á vontade de mostrar solidariedade co pobo palestino e de non permanecer indiferente ante o que considera unha situación de inxustiza.
A asociación insiste en que non pretende renunciar á súa posición a pesar das reiteradas accións contra a pintura. “Non nos ides cansar. Non nos ides intimidar. Non nos ides facer desaparecer”, sinala.
PUBLICIDADE
O comunicado remata reiterando o compromiso de volver pintar a bandeira se é novamente borrada: “Porque unha man pode borrar pintura, pero non pode borrar a solidariedade”, conclúe O Naranxo, que pecha a súa mensaxe co lema “NON NOS IDES CALAR. NON A IDES BORRAR. PALESTINA LIBRE, AGORA E SEMPRE”.
NOTICIA RELACIONADA:
Reiterados ataques vandálicos contra a bandeira palestina pintada na Avda. do Naranxo en Lalín: https://www.ecosdacomarca.com/post/reiterados-ataques-vand%C3%A1licos-contra-a-bandeira-palestina-pintada-na-avda-do-naranxo-en-lal%C3%ADn










Comentarios