O obxectivo é demandar unha atención efectiva das necesidades dos menores en situación de separación conflitiva dos seus proxenitores, así como a procura de solucións dada a escaseza de recursos humanos e materiais
Ecos da Comarca/Xeral
A Asociación Galega de Pais e Nais Separados (AGPNS) está a emprender iniciativas para demandar unha atención efectiva das necesidades dos/as menores en situación de separación conflitiva dos seus proxenitores, así como a procura de solucións dada a escaseza de recursos humanos e materiais nas que se atopan os xulgados e outros organismos de apoio a estes últimos.
Presentouse por parte da AGPNS a finais do ano pasado unha queixa diante da Valedora do Pobo onde se puñan de manifesto as carencias e as tremendas repercusións que delas se derivan, particularmente pola demora dos informes psico-sociais do IMELGA. A Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia contestoulle á Valedora recoñecendo as deficiencias e manifestando que se traballa para solucionar definitivamente os problemas, expoñendo unha relación de medidas que están en marcha pola súa parte.
Pasados uns meses, o pasado día 3 de maio, o presidente e o vicepresidente da AGPNS reuníronse co Director Xeral de Xustiza e coa Directora do IMELGA para examinar o estado das medidas relatadas no informe de contestación á Valedora. Formularon compromisos a medio e longo prazo. Entre outros, asumiron o compromiso de axilizar a elaboración dos informes psico-sociais, para que non poidan reproducirse casos nos que se tarde máis de 2 anos en emitirse.
O seguinte paso que ten previsto realizar a AGPNS é darlle traslado á Dirección Xeral de Familia das necesidades dos Puntos de Encontro Familiares PEF (centros que serven para preservar a relación entre os e as menores e os membros da súa familia, en situacións de crise) dadas as carencias que existen e o incremento de casos que chegan a Asociación con problemática asociada.
Comments