Desenvolverase este sábado 23 e mantense aberto o prazo de inscrición
Laura Moure/Boimorto
A Asociación Forestal de Galicia organiza, en colaboración co Concello de Boimorto, un
taller sobre xestión forestal na Casa da Cultura deste concello este sábado 23 de novembro a partir das 10:30 horas. O obradoiro, que inclúe unha visita a monte, oriéntase á xestión das masas de frondosas caducifolias, en especial de carballos, bidueiros e castiñeiros.

As frondosas caducifolias conforman bosques de gran valor ambiental, pero con frecuencia descóidase o seu manexo forestal, o que dificulta a obtención de madeira de alto valor. No obradoiro abordarase a situación habitual nas masas de frondosas e como orientar a silvicultura (podas, rareos) para mellorar a súa xestión. A idea é impulsar un aproveitamento sostible dos bosques de carballos, bidueiros e castiñeiros, de xeito que
sexa compatible o coidado da biodiversidade e do medioambiente coa obtención de madeira de alto valor, como os usos na construción e na carpintería.
Durante a xornada, visitarase un monte de frondosas, no que ver a situación e posibilidades silvícolas de actuación. Outras cuestións a abordar na xornada son a certificación forestal sostible e as obrigas fiscais que teñen os propietarios na venda de madeira.
Publicidade
A asistencia é libre e gratuíta pero requírese inscrición previa nos teléfonos 981 564 011, 618 752 214 ou no enderezo electrónico afg@asociacionforestal.org
Este obradoiro enmárcase no proxecto ForestED, unha iniciativa liderada polo Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña que conta coa participación do Consorcio Forestal de Cataluña, do Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña e da Asociación Forestal de Galicia. ForestED conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea –
NextGenerationEU.
Comentarios