top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Asociación Feiral Semana Verde de Silleda renova directiva e inicia un “revulsivo” mandato

José Luís Rodríguez repite á cabeza dun colectivo que traballará durante os próximos

cinco anos para achegarse máis ós veciños e veciñas


Laura Moure/Silleda

A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia, xermolo da Feira Internacional de Galicia

e do seu recinto, en Silleda, vén de aprobar a renovación da súa xunta directiva, un equipo integrado por once persoas que xa traballa cun obxectivo principal: achegarse aínda máis ós veciños e veciñas así como a outras asociacións e colectivos da zona. José Luís Rodríguez Barreiro continúa na Presidencia dunha remozada directiva con dúas vicepresidencias: a primeira, asumida por Manuel Iglesias Pérez e a segunda, por Ana Luísa González Costa. O labor de Secretaría pasa a mans de Blanca Paz Muíños e o de

Tesourería, ás de Daniel Carnoto Espiño. Completan o equipo seis vogais: Alfonso Mato

Rial, Antonio Albino Nercellas Rodríguez, José Iglesias Rodríguez, Ramón González Italiani, Luis Juan Arceo López e Lucía Nercellas Torres.

“Estes cinco anos teñen que ser un revulsivo para a asociación”, afirma a directiva. Traballar conxuntamente cos distintos sectores sociais e establecer sinerxías, incrementar a súa presenza e ofrecer máis vantaxes aos socios e socias son as encomendas fundamentais da Asociación Feiral Semana Verde neste novo mandato, durante o que, precisamente, se cumprirán 50 anos da cita feiral por excelencia na capital trasdezá.


A nova directiva agradece encarecidamente o labor desinteresado do equipo saínte, así

como a súa contribución para traballar a prol de Silleda e a súa contorna, da súa actividade feiral e do impulso da vida social, ñcultural e empresarial do rural. O novo equipo foi proclamado este verán nunha asemblea ordinaria, logo de que non se presentase ningunha outra candidatura.


Publicidade

Boletín e tenda

O estreado equipo está inmerso xa na elaboración do próximo número do seu boletín

informativo da Galiza Central ‘Cultura Rural’, unha publicación semestral que en xaneiro

acadará a súa 27ª edición. Cunha tirada de 4.500 exemplares gratuítos distribuídos nas catro provincias galegas, a revista conta cun comité asesor encargado de coordinar os

contidos, de temática cultural, social e económica de interese, co ámbito rural como

protagonista.


Nesta nova etapa, a Asociación impulsará, ademais, a súa tenda física, situada nas

propias instalacións da Avenida Feiral, número 13. Con descontos para socios e socias,

pero aberto a todo o público, o punto de venda ofrece diferentes produtos galegos elaborados por profesionais cos que o colectivo colabora. Nel tamén se poden mercar

os derivados lácteos que fabrica a queixería que ten alugada as instalacións da Asociación.


Publicidade

O colectivo tamén continuará negociando cos distintos museos galegos para sumar novos convenios coma os que xa ten suscritos co Museo do Campo e da Mecanización (Silleda), co Museo do Ferrocarril de Galicia (Monforte), co Museo do Mel O Enredo do Abelleiro (Arzúa) e co Museo Casa do Patrón (Lalín) para abaratar a entrada ós socios e socias. Asemade, estes seguirán entrando de balde a tódalas feiras organizadas pola Fundación Semana Verde de Galicia, grazas ó acordo entre as partes.


Nesta liña, a Asociación tamén continuará negociando con empresas organizadoras de eventos para abaratar a entrada ás citas que estas celebren no recinto feiral trasdezá.

As persoas interesadas en asociarse ó colectivo e gozar das súas vantaxes poden

contactar no número de teléfono 986 581 413, a través da súa páxina web

www.afeiral.com ou acudir persoalmente ás súas oficinas.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page