A Asociación Feiral Semana Verde convoca a 2ª edición do concurso estudantil sobre as feiras
- Laura Moure

- 25 mar
- 2 min de lectura
Está dirixido a alumnado da ESO, que pode entregar as súas entrevistas ata o 15 de abril
Laura Moure/Silleda
A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia (Silleda) vén de convocar a segunda edición do seu concurso ‘Feiras Tradicionais Galegas’, aberto á participación dos alumnos e alumnas dos centros de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) de toda a comunidade autónoma. Tralo éxito da pasada edición, con máis de medio cento de traballos presentados, o certame busca continuar espertando o interese entre os máis novos por coñecer como era a vida nos antigos mercados a través de testemuñas directas: os avós, avoas ou persoas maiores que os frecuentaron.

Incentivar as relación entre as distintas xeracións mediante a conversa, fomentar entre os e as nenas e adolescentes o gusto polas actividades literarias, despertar neles e nelas o interese por coñecer as súas orixes e por en valor o medio rural son parte das intencións deste concurso, ao que se poderán presentar traballos ata o vindeiro 15 de abril.
O texto deberá ter formato entrevista, sendo o alumno ou alumna o que plantexe as preguntas a unha persoa de maior idade, por exemplo, un neto ou neta a un avó ou avoa, ou a calquera outra persoa cunha diferencia de idade similar. A temática do cuestionario é as feiras e mercados tradicionais, de xeito que a persoa entrevistada explique aspectos relacionados co desenvolvemento deste tipo de mercados e o modo de vida en xeral de antano.
Publicidade
A entrevista deberá estar escrita en galego e redactada en estilo directo a partir dunha
grabación que sirva como proba documental da súa realización. O texto deberá ter un mínimo de 4.000 caracteres con espacios e un máximo de 5.000, ser inédito e non estar premiado con anterioridade.
A entrevista gañadora será publicada no próximo número do boletín que a Asociación Ferial Semana Verde de Galicia editará o vindeiro xuño, coincidindo coa celebración
da Semana Verde. O segundo e terceiro mellor traballos tamén serán publicados, neste caso só na páxina web da Asociación, así como nas súas redes sociais.
PUBLICIDADE
Premios en metálico, excursións e obradoiros
Os premios entregaranse de xeito presencial, coincidindo co certame da Feira Internacional Semana Verde, que se celebrará do 4 ao 7 de xuño de 2026. Estes consistirán en tres galardóns por valor de 500, 300 e 200 euros, para o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. Ademais, a aula do traballo gañador acadará como galardón unha saída didáctica ao Mosteiro de Carboeiro e ao Museo do Campo e a Mecanización. O centro educativo do alumno ou alumna que quede en segundo lugar recibirá un vale para unha visita guiada ao Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda (Lalín), onde participará nun obradoiro de cerámica prehistórica. Asimesmo, o centro do ou da estudante que quede en terceira posición recollerá un vale para entrar no Museo do Mel O Enredo do Abelleiro en Portodemouros (Arzúa) e tamén participará nun obradoiro, neste caso, relacionado coa temática apícola.
As bases do concurso poden consultarse na páxina web da Asociación www.afeiral.com . As persoas interesadas en participar tamén poden ampliar a información sobre os requisitos de concorrencia a través do correo electrónico ‘asociacionfeiral@afeiral.com’ ou chamando á oficina, ao 986 581 413 ou 692 452 996.








Comentarios