top of page

A Asociación Feiral Semana Verde amplía ata o 28 o prazo para participar no seu concurso sobre as feiras

O certame está aberto a alumnado da ESO de toda Galicia e as súas bases poden consultarse na web do colectivo silledense


Laura Moure/Silleda

A Asociación Feiral Semana Verde de Galicia de Silleda amplía ata o 28 de abril o prazo para presentar os traballos para participar na primeira edición do seu concurso ‘Feiras Tradicionais Galegas’. En vista da cercanía da festividade de Semana Santa e para facilitar a organización lectiva dos propios centros, en pleno peche de trimestre, a asociación decide adiar a data límite para a recepción dos escritos. As bases do certame poden consultarse na páxina web da Asociación www.afeiral.com As persoas interesadas en participar tamén poden ampliar a información sobre os requisitos de concurrencia a través do correo electrónico ‘asociacionfeiral@afeiral.com’ ou chamando á oficina, ao 986 581 413.


Cabe lembrar que o concurso está aberto á participación dos alumnos e alumnas dos centros de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) de toda a comunidade autónoma. O obxectivo é fomentar entre os máis novos e novas o coñecemento das antigas estruturas de mercado a través do relato de xeracións precedentes, toda vez que a Asociación Feiral é a semente da feira que hoxe se coñece internacionalmente como Semana Verde, en Silleda.

Incentivar as relación entre as distintas xeracións mediante a conversa, fomentar entre os e as nenas e adolescentes o gusto polas actividades literarias, despertar neles e nelas o interese por coñecer as súas orixes e por en valor o medio rural son parte das intencións deste concurso.


O texto deberá ter formato entrevista interxeracional, sendo o alumno ou alumna o que plantexe as preguntas a unha persoa de maior idade, por exemplo, un neto ou neta a un avó ou avoa, ou a calquera outra persoa cunha diferencia de idade similar. A temática do cuestionario é as feiras e mercados tradicionais, de xeito que a persoa entrevistada explique aspectos relacionados co desenvolvemento deste tipo de mercados e o modo de vida en xeral de antano.


A entrevista, de estilo directo e escrita en galego, deberá ter un mínimo de 4.000 caracteres con espacios e un máximo de 5.000 e ser inédita. O texto gañador será publicado no próximo número do boletín que a Asociación Ferial Semana Verde de Galicia editará o vindeiro xuño, coincidindo coa celebración da Semana Verde. O segundo e terceiro mellor traballos tamén serán publicados, neste caso só na páxina web da Asociación, así como nas súas redes sociais.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Premios en metálico, excursións e obradoiros

Precisamente, os premios entregaranse de xeito presencial o 5 de xuño, co gaio da inauguración da cita ferial por excelencia en Silleda. Estes consistirán en tres agasallo por valor de 500, 300 e 200 euros, para o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. Ademais, a aula do traballo gañador acadará como galardón unha saída didáctica ao Mosteiro de Carboeiro, á Semana Verde e ao Museo do Campo e a Mecanización. Os outros dous alumnos ou alumnas finalistas, xunto coas súas familias e unha representación do centro, están convidados a xantar e tamén a visitar a Semana Verde e o Museo do Campo o mesmo día da entrega de premios.


Por outra parte, aos centros dos tres finalistas entregaráselles, ao primeiro, un vale para unha visita guiada ao Museo Etnográfico Cada do Patrón de Codeseda (Lalín), incluíndo un obradoiro de cerámica prehistórica; ao segundo, un vale para a entrada ao Museo do Mel O Enredo do Abelleiro en Portodemouros (Arzúa), cun obradoiro; e ao terceiro, un vale para a entrada ao Museo do Campo, todos eles para gozar no vindeiro curso lectivo.




Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page