top of page

A Asociación de Troiteiros Río Furelos denuncia dúas novas agresións ambientais nos ríos Tambre e Furelos

Ecos da Comarca/C.Terra de Melide

A Asociación de Troiteiros Río Furelos de Melide denuncia dous novos episodios que cualifica de "graves agresións" contra o medio fluvial, acontecidos nos últimos días nos ríos Tambre e Furelos, e reclama que as investigacións abertas permitan esclarecer os feitos e identificar os seus responsables.


O primeiro dos incidentes sinala que se produciu durante a noite do 17 ao 18 de xullo no lugar de Ponte Pedra, na parroquia de Porta (Sobrado). Segundo explica a entidade, produciuse unha seca ilegal da canle do muíño de Ponte Pedra, un curso de auga duns 1.000 metros de lonxitude que nace na súa presa, situada en Porto Ferreiro.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A asociación asegura que alguén retirou todas as táboas das comportas da presa, provocando o baleirado completo da gavia e deixando sen auga este tramo. Ademais, denuncia que foron retiradas todas as troitas que había na canle. Ao día seguinte, a propiedade do muíño decatouse do sucedido e puxo os feitos en coñecemento da gardería medioambiental. Polo momento, segundo indican, descoñécense os avances da investigación.

O segundo episodio tivo lugar este pasado 26 de xullo na contorna da praia fluvial de Melide. Dous pescadores advertiron a presenza dun importante número de escalos mortos entre as pedras, no tramo comprendido entre a antiga ponte da estrada Nacional e a presa da praia fluvial. No mesmo lugar tamén observaron exemplares vivos de escalo e algunha troita.


Ante esta situación, a directiva da Asociación de Troiteiros Río Furelos avisou ao 112. Ata o lugar desprazouse a Garda Civil para realizar unha inspección ocular, mentres que a empresa encargada do control de vertidos recolleu mostras de auga para a súa posterior análise.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A entidade considera que unha das hipóteses podería ser a existencia dun vertido que, ao quedar diluído, non afectase por igual a toda a fauna piscícola. Non obstante, tamén baralla a posibilidade de que se producise unha pesca eléctrica de elevada intensidade, capaz de provocar a morte dos peixes en lugar de simplemente inmobilizalos, retirando posteriormente as troitas e deixando os escalos.


Desde a asociación agardan que as pescudas permitan aclarar o sucedido e fan un chamamento á protección dos ecosistemas fluviais. "Este tipo de accións, sumadas a moitas outras que pasan desapercibidas, esquilman o medio natural e destrúen un recurso que constitúe unha riqueza tanto medioambiental como económica grazas á actividade que xera a pesca deportiva", sinalan.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

A Asociación de Troiteiros Río Furelos conclúe facendo un chamamento á responsabilidade colectiva para preservar a natureza e garantir que as futuras xeracións poidan seguir gozando dun patrimonio natural en bo estado. "Que as nosas conciencias nos fagan cavilar na herencia que os nosos fillos e netos van a percibir de non cesar nas agresións a Natureza", conclúe.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page