A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Silleda realiza hoxe o sorteo de Nadal
- ecosdacomarca
- 10 ene
- 1 Min. de lectura
Repartirá varios premios entre os 2.000 e 1000 euros
Ecos da Comarca/Silleda
A Asociación Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS) celebrará hoxe, venres, día 10, o seu tradicional sorteo de Nadal ás 20:30 horas na Praza Siñor Afranio. No caso de que as condicións climatolóxicas sexan adversas, o evento trasladarase á Casa do Concello.

Este sorteo, que leva celebrándose varios anos, constitúe un excelente incentivo para a dinamización do comercio local nestas datas. Para participar, foi necesario realizar compras nos establecementos asociados a ECOS e depositar as participacións na urna habilitada para a actividade.
No sorteo repartiranse catro premios: un principal de 2.000 euros, que require a presenza da persoa gañadora, e tres máis, de 1000 euros cada un. As persoas agraciadas con estes últimos serán notificadas por vía telefónica no caso de non estar presentes no acto.
Publicidade
Este evento tamén pon o broche final ao programa de actividades realizadas por ECOS durante o Nadal, en colaboración co Concello de Silleda. Entre as accións destacadas deste periodo están as xornadas de dinamización “churrECOS”, celebradas os días 19 e 26 de decembro, nas que se ofreceron churros con chocolate nos establecementos de hostalería participantes, así como o sorteo do Calendario de Advento, do 1 ao 24 de decembro, que repartiu numerosos agasallos entre a veciñanza.
Anímase a toda a cidadanía a asistir a este sorteo, co que ECOS pecha un ano máis as súas actividades de Nadal, reforzando o papel do comercio local como motor económico e social do municipio.
Comments