A Asociación de Empresarios da Terra de Melide promove o comercio local coa campaña ‘Volta ao Cole'
As familias que en setembro acumulen tíckets por valor de 60 euros recibirán un vale de compra de seis euros para as que teñan un ou dous fillos e de 10, para as numerosas
Laura Moure/Melide
A Asociación de Empresarios da Terra de Melide impulsa e promove o comercio local coa campaña Volta ao Cole. Esta iniciativa consiste en promocionar as vendas de todos os artigos relacionados co regreso ás clases (roupa, calzado, mochilas, material de papelería, libros, etc), para iso todas as familias que ao longo de todo o mes de setembro acumulen tíckets por valor de 60 euros poden acudir as oficinas de ASETEM - CCA para recibir un vale de compra que será de seis euros para familias cun ou dous fillos e de 10 euros para familias numerosas (nestes casos, os pais e nais deberán traer a xustificación de familia numerosa).

O importe do vale de compra poderá ser gastado en calquera comercio asociado a ASETEM. Como máximo cada fogar recibirá un bono, o cal irá acompañado dunha entrada para desfrutar da contacontos Ana Meilán e un agasallo. A actuación da contacontos será o vindeiro venres 24 de setembro ás 18.00 horas no parque Rosalía de Castro (agás en caso de choiva que se trasladará ou ben ao Palacio de Congresos ou ao Centro Sociocultural Mingos de Pita).
Esta campaña ten dous obxectivos principais: por unha banda, impulsar as compras nos pequenos establecementos da vila e, por outra banda, axudar ás familias nesta tempada de amplo gasto por mor da volta á escola dos máis pequenos da casa.