Os gañadores foron Jose Manuel Rojo, Conchi Taboada e Marta Beltrán Seguín
Laura Moure/Silleda
A Asociación de Comerciantes de Silleda (ECOS) fixo entrega na tarde deste luns dos premios correspondentes á campaña Mercar en Silleda non suma, multiplica", que se desenvolveu entre os días 14 de marzo e 8 de abril e que finalmente repartiu vales por valor de 1.380 euros que poderán ser canxeados nos comercios que foran parte do colectivo e que son maioría en Silleda.
Para participaren os consumidores só tiñan que reunir tickets das súas compras nos comercios ECOS de Silleda e a Bandeira ata xuntar un importe total mínimo de 50 euros.
Os premios do sorteo que tivo lugar o sábado día 9 foron repartidos do seguinte xeito:
Terceiro premio: 130 euros para Jose Manuel Rojo con dous tickets de Xoiaría Eulogio e Cardibel.
Segundo premio: 250 euros para Conchi Taboada cun ticket de Xoiaría Camiño.
Primeiro premio: 1.000 euros para Marta Beltrán Seguín cun ticket de Vacaloura Estudio Fotográfico.
Con este sorteo, no que a participación foi moi alta, estimando o número total de sobres existentes na urna en torno a uns 2.000, deuse por finalizada a campaña comercial que cubriu as vendas no comercio local previas a Semana Santa.
Desde este luns día 11, co gallo da Semana Santa, a asociación puxo en marcha unha nova iniciativa, para fomentar que a adquisición dos tradicionais roscóns de Pascua teña lugar no pequeno comercio. Trátase da campaña O roscón de Silleda é o MÁIS RICO do mundo e que agocha, como xa vén sendo tradicón na asociación, centos de euros en vales ECOS de 10 euros nos roscóns dos cinco obradorios socios: Panadaría Mella, Panadaría Paulino, Pastelaría Dulce Deza, Confitaría Tábora e Confitaría Arco da Vella.
Comments